Belém Tajes estrea Santa Ferreña este venres coincidindo coa festa de Carboeiro

A canción preséntase como unha homenaxe á patroa e aos históricos encontros de música tradicional de Carboeiro, coincidindo o seu lanzamento en plataformas coa fin de semana da súa romaría.

Descubre más noticias musicales como ésta

Santa Ferreña é o primeiro adianto desta nova etapa artística de Belém Tajes, un período de transición creativa no que a artista continúa explorando novas linguaxes sonoras sen perder a conexión coas súas raíces.

A canción afonda nos ritos pagáns e nas pequenas tradicións herdadas que aínda perviven no noso día a día, especialmente entre aquelas persoas que procuran na cotidianidade sinais de conexión co máxico, o simbólico e o ancestral.

Ao mesmo tempo, Santa Ferreña é unha homenaxe aos históricos encontros de música tradicional de Carboeiro e á súa patroa, converténdose nun canto colectivo á memoria compartida, á celebración e á identidade popular.

No plano sonoro, o tema constrúese a partir dunha combinación de sintetizadores e percusións tradicionais interpretadas con pandeiretas, peneiras e canas. As voces, traballadas mediante harmonías e sutís efectos de vocoder, dan forma a un retrouso hipnótico que se entrelaza cos sons da natureza e se prolonga ata o final da peza, convidando á participación e á cantarea colectiva.

A portada do sinxelo é unha fotografía orixinal de Sofía Taboada, mentres que as pezas audiovisuais que acompañan o lanzamento foron creadas pola artista visual ucraína Marina Kálcheva.

A canción estará dispoñible en todas as plataformas dixitais o vindeiro 5 de xuño, coincidindo coa fin de semana da romaría de Carboeiro.

Mentres continúa a presentar en directo o seu primeiro álbum, Amar o Mar, Belém Tajes afronta un calendario de actuacións este verán que a levará o 19 de xuño a Vimianzo, o 20 de xuño a Ortigueira, o 24 de xullo á Praza da Quintana de Santiago de Compostela nun concerto compartido coa mexicana Lila Downs, o 25 de xullo ao festival Correntes World Music de Monção (Portugal) e o 17 de setembro ao Club Clavicémbalo de Lugo, entre outras citas por anunciar.

Con este novo lanzamento, a artista abre unha nova vía de exploración musical e estética, ampliando o seu universo creativo nun territorio onde converxen a canción de autora, o folk contemporáneo e o pop experimental.

Sobre Belém Tajes

Cantante, compositora e especialista en musicoterapia, Belém Tajes é unha das voces destacadas da canción pop de autora en Galicia. A súa traxectoria comeza nas agrupacións tradicionais, nutríndose tamén dos cantares das súas avoas, naturais de Arou (Camariñas), unha herdanza que segue presente no seu xeito de entender a música. Tras formar parte de proxectos como Luar na Lubre, Vudú, Aliboria e Moura, a artista galego-arxentina inicia o seu camiño en solitario cunha proposta chea de personalidade e identidade propia. Despois de publicar en 2022 o EP debut «Un Mapa», inspirado na súa Arxentina natal, en novembro de 2024 lanza o seu primeiro disco longo, «Amar o mar», recoñecido co Premio Narf 2025 e editado nun singular formato físico como o primeiro ecodisco galego. Un traballo de forte personalidade que tende pontes entre a música galega e latinoamericana a través dun coidado universo sonoro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios