A Deputación da Coruña participa na presentación do documental “Lo imposible se hará” de ASPADISOL

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, presentou o docuemntal, centrado nos dereitos, a autonomía persoal e a inclusión das persoas con discapacidade intelectual.

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou este mércores na apertura da xornada organizada por ASPADISOL arredor da proxección do documental “Lo imposible se hará”, unha peza impulsada por Plena Inclusión España que recolle historias reais de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e pon o foco na súa autonomía, nos seus dereitos e na necesidade de garantir os apoios precisos para unha participación plena na comunidade.

A xornada, celebrada na sede da Fundación Paideia, serviu para abrir un espazo de reflexión arredor da inclusión, da vida independente e do papel das entidades sociais no acompañamento ás persoas con discapacidade e ás súas familias. No acto participaron tamén a directora de ASPADISOL, Yolanda Prieto López; o presidente de FADEMGA, Eladio Fernández Pérez; persoas protagonistas do documental e profesionais vinculados ao ámbito da discapacidade.

Na súa intervención, Mar García Vidal destacou o valor desta iniciativa “porque axuda a poñer rostro, voz e experiencias reais a unha realidade que debe estar no centro das políticas públicas: o dereito de todas as persoas a decidir sobre a súa vida, a participar na sociedade e a contar cos apoios necesarios para facelo posible”.

A deputada provincial puxo en valor o traballo diario de ASPADISOL e do conxunto das entidades sociais, “que acompañan, orientan, abren camiños e contribúen a construír unha provincia máis inclusiva”. Neste sentido, subliñou que a Deputación da Coruña mantén unha liña de colaboración estable co tecido asociativo social da provincia para reforzar servizos, programas e recursos dirixidos ás persoas que máis o precisan.

García Vidal lembrou que “durante demasiado tempo ás persoas con discapacidade se lles falou máis dos límites que das oportunidades”, e afirmou que o documental “amosa precisamente o contrario: que se hai apoio, confianza, accesibilidade e compromiso colectivo, moitas barreiras deixan de selo”.

O documental “Lo imposible se hará” visibiliza as capacidades, os proxectos vitais e os retos das persoas con discapacidade intelectual, incidindo na importancia de avanzar cara a unha sociedade na que todas as persoas poidan exercer plenamente os seus dereitos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios