Antonio Ameijide aclara que a licitación do equipamento non é por iniciativa propia da presidenta da Deputación, senón que “é obrigado por unha sentenza do TSXG que obriga a cumprir o convenio asinado e a abrir de inmediato a residencia”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular reclaman a Carmela López que diga publicamente “cando vai a abrir” o centro de atención a maiores de Becerreá despois de comprobar como “segue a estratexia de Pablo Rivera, anuncios sen contido para facer que fai algo, cando non están a avanzar na apertura da residencia”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que o anuncio da semana pasada da presidenta da Deputación sobre o equipamento do centro de atención a maiores de Becerreá “ten moitos matices e aristas que cómpre aclarar”.
En primeiro lugar, Ameijide destaca que “Carmela López non está a facer nada de motu propio, senón que é a xustiza á que lle obriga a dar todos estes pasos”, recordando como a ratificación da sentenza do TSXG obriga á Deputación de Lugo a cumprir o convenio asinado con todos os veciños de Becerreá e a abrir de inmediato a residencia.
“O anuncio da cantidade económica destinada a equipar o centro obedece única e exclusivamente a ter que executar unha sentenza xudicial en contra da Deputación de Lugo”, afirmou.
O voceiro popular destaca que “agora queda claro que as reclamacións do PP, dos propios veciños de Becerreá e do Concello eran máis que xustificadas” e “todo o que nós reclamamos durante estes anos eran os pasos que tiñan que dar a Deputación”.
Antonio Ameijide destaca que “queda claro, unha vez máis, que todos os anuncios de Pablo Rivera non foron máis que escusas e que eran palabras valeiras para facer que facían algo cando na realidade non fixeron nada”.
Nesta nova situación, cómpre que Carmela López faga público “un novo cronograma de actuacións, e debe facelo con axilidade e deixando claro cando queren abrir e poñer en funcionamento” o centro de atención de atención a maiores de Becerreá.
Ademais, Antonio Ameijide pregunta a Carmela López “que ten pensado facer coa cociña, xa que na documentación non hai ningún tipo de partida destinado ao equipamento da cociña”.
ORZAMENTO EQUIPAMENTO
Antonio Ameijide recorda que había un remanente existente en torno ao 1.500.000€ que se debe destinar ao equipamento do centro, pero agora “PSOE e BNG sacaron esta dotación a licitación por un importe de un millón de euros aproximadamente. “Segundo nun primeiro momento reclamamos que o case millón e medio reservado para o equipamento tiñan que seguir a investilo en Becerreá, agora seguimos a demandar que a cantidade que falta por investir no equipamento siga a investirse na residencia ou en Becerreá”, reclamou.
“Esa diferenza orzamentaria debe de investirse completamente en equipar a cociñar e en realizar todas as intervencións necesarias no edificio xa que tras catro anos pechado e sen poñerse en servizo seguramente haxa problemas que haberá que solventar antes de poñelo en funcionamento”, sinalou.
O centro de atención a maiores de Becerreá conta con 96 prazas de residencia e 40 de centro de día, rematouse hai catro anos e debía estar en funcionamento antes de decembro de 2023, segundo o convenio.
Antonio Ameijide recorda que “PSOE e BNG puxeron absolutamente todos o atrancos e realizaron todas as manobras de distracción posibles para non poñer en servizo esta dotación”, extremo que confirmou o TSXG na súa sentenza.