Achégase xa a fin da temporada 25/26 e os últimos equipos en competición do Club Santo Domingo, as cadetes de Decornaveira e as infantís de Warnier Informática, afrontan unha fin de semana con importantes partidos. Polo que toca ás primeiras, e tras a inapelable vitoria contra Basquet Coruña U15-U16 da semana pasada, o conxunto de José Espiñeira e Inés Varela mídese a Montrove Blanco, o sábado ás 16h en Mera, na primeira semifinal da Copa Premium Coruña-Ferrol, unha competición que ten programada a súa final o domingo na Coruña e que cruza a Basquet Coruña U-15 e a CB Laracha na outra semifinal.
As infantís de Warnier Informática a pola segunda vitoria na Fase de Ascenso
No que toca ao Warnier Informática, o equipo adestrado por Javier Codesido e Alía Ortega buscará sumar a súa segunda vitoria na fase de ascenso a Primeira División, logo de gañar a semana pasada ás ourensás de Depordima por 57-55.
O rival, o equipo eumés de Pontumio, que perdeu por 74-53 contra Compañía de María Santiago, espera ás betanceiras o serán do venres en Pontedeume.
A cita terá lugar no pavillón da Casqueira, ás 20h, no que promete ser unha boa pedra de toque para medir axeitadamente as expectativas das infantís do Santo no que toca á Fase. As bases de competición, lembremos, reducen o premio da Primeira a unha única praza de ascenso por grupo e unha vitoria convertería o próximo partido contra Compañía nunha auténtica final.