“Dende a Deputación, apostamos estratexias pensadas para xestionar fluxos e para que os visitantes cheguen ao conxunto da provincia, porque todo o territorio ten un gran potencial, dende o interior ata a costa, pasando polas tres xoias urbanas, e situamos a gastronomía e a paisaxe como os elementos principais da nosa política de promoción turística”.
“Pasamos de ser un territorio onde se come ben a ser un territorio gastronómico”, comezaba Regueira a súa conversa sobre “O potencial de Galicia no ámbito gastronómico” no V Foro Económico Español “La Galicia que viene”. “E isto débese”, afirmaba, “ao talento dos nosos cociñeiros e cociñeiras que tratan a materia prima co máximo respecto mantendo sempre a súa esencia.”
“Neste país, e concretamente nesta provincia, aínda somos quen de manter a nosa autenticidade e como consecuencia a calidade dos nosos produtos”, sinalaba. “Esa é a nosa principal fortaleza: que conservamos a identidade do produto”. Neste sentido, explicaba que “contamos cun sector moi comprometido, que cada vez trata mellor o produto, e que ademais está xerando oportunidades no medio rural”. Así, “o reto e poñer en valor a nosa gastronomía e buscar os mercados axeitados para que eses produtos teñan un retorno positivo no medio rural”.
Sobre o papel do sector privado, o vicepresidente apuntou que exerce unha labor “fundamental”, cunha “aposta moi grande” e “dende as administracións debemos apoialo e recoñecelo”. “Un sector que está despuntando en todo o mundo, con profesionais que se están formando e que promoven iniciativas que son sinónimo de compromiso co territorio”.
Regueira sinalou tamén que “non somos conscientes do valor que ten o noso produto gastronómico nin da riqueza da nosa terra”. “Vivimos nun territorio”, engadiu, “que aínda conserva as catro estacións, con todo o que iso implica, polo que agora mesmo a gastronomía é un dos nosos principais destinos turísticos”. E conclúe reflexionando que “Galicia precisa un perfil de turista que valore a nosa artesanía alimentaria”.