O PP de Lugo forza ao Goberno a confirmar que os 40 millóns do PERTE para Alcoa financian o novo forno de ánodos de San Cibrao

“A pesar da importancia desta axuda e das expectativas xeradas na comarca, o Goberno non aclarara ata o momento se estes recursos públicos contribuían realmente á construción do novo forno de ánodos. Foi necesario que o PP preguntase no Senado para que o Executivo o confirmase oficialmente”

O senador do PP de Lugo, José Manuel Balseiro,explica que logramos que o Goberno confirme por escrito que os 40,4 millóns de euros concedidos a Alcoa a través do PERTE de Descarbonización Industrial están destinados á substitución do actual forno de cocción de ánodos da planta de San Cibrao, unha infraestrutura estratéxica para o futuro da factoría e para a continuidade da actividade industrial na Mariña.

Balseiro explica que tivemos que reclamar esta información mediante unha iniciativa parlamentaria no Senado ante a falta de claridade do Executivo sobre o destino concreto dos fondos públicos e a súa relación cos investimentos comprometidos pola compañía.

“A pesar da importancia desta axuda e das expectativas xeradas na comarca, o Goberno non aclarara ata o momento se estes recursos públicos contribuían realmente á construción do novo forno de ánodos. Foi necesario que o Partido Popular formulase preguntas directas no Senado para que o Executivo o confirmase oficialmente”, sinalou.

Na resposta remitida ao Grupo Popular, o Goberno recoñece expresamente que o obxectivo do proxecto financiado é “a substitución do forno de cocción de ánodos operativo na fábrica de San Cibrao por unha nova instalación”, confirmando así que a infraestrutura está incluída dentro das actuacións subvencionadas.

O Executivo detalla ademais que o proxecto presentado por Aluminio Español, filial de Alcoa, supón un investimento total de 134,8 millóns de euros, dos que 40,44 millóns serán achegados a través do PERTE de Descarbonización Industrial. As actuacións previstas inclúen a modernización integral do proceso de cocción de ánodos e a implantación dun novo sistema de combustión máis eficiente e adaptado ás esixencias ambientais europeas.

José Manuel Balseiro destaca que esta confirmación é especialmente relevante porque o novo forno de ánodos foi identificado desde hai anos como unha das actuacións máis importantes para reforzar a competitividade da planta e garantir a súa viabilidade a longo prazo.

“Estamos a falar dunha infraestrutura clave para o futuro de San Cibrao e para centos de postos de traballo directos e indirectos. Por iso era imprescindible coñecer con total transparencia a finalidade destes fondos públicos e os compromisos asociados a eles”, afirmou.

A resposta do Goberno tamén sinala que o proxecto conta xa con proposta de resolución definitiva favorable e que o prazo de execución das actuacións financiadas estenderase ata o ano 2031.

Comparte éste artículo
No hay comentarios