A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez, recibiron, a primeira hora desta mañá, na Aula de Creación e Patronaxe da Facultade de Humanidades e Documentación, aos 13 investigadores e investigadoras predoc e postdoc que participan nas V Xornadas DoutoreAndo, organizadas en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), baixo o lema “Investigando en Verde”.
Ao longo de toda a xornada presentaranse investigacións relacionadas coa enerxía mariña, co hidróxeno verde, coa eólica offshore, cos materiais sostibles, coa refrixeración eficiente, coa fotovoltaica orgánica, coa economía azul ou co dereito administrativo aplicado á transformación dos espazos portuarios.
Participan, a investigadora Ana Ortega, do Grupo de Sistemas Térmicos e Transferencia de Carlor (SISTER); María López e Alphie Benhard Sori, do Grupo Integrado de Enxeñaría; Doha Elrhoul e David González, do Laboratorio de Enxeñaría Enerxética (INGEN); Alberto Peinador, María de los Ángeles Prada, Denise Georgette Dante e Beatriz Combarro, do Grupo de Polímeros, e Arlene Damera e Carla Fernández, do Grupo MAterials and Renewable Energy for Engineering, Environment and Sustainability (MARES).
Tamén se suman a esta iniciativa, o alumno do programa de doutoramento en Enerxía e Propulsión Mariña, Antonio Rabina, e a alumna do programa de doutoramento en Dereito Administrativo Ibero, María Noelia Iglesias.