«Finximentos sonoros» en Arteixo

Nunha época onde todo entra polos ollos, convidámoste a vivir unha experiencia inmersiva única. Ven a desfrutar de «Finximentos Sonoros», unha sesión de micropezas en vivo, unha experiencia sonora única, directa ao teu corazón. Sintoniza os teus sentidos e prepárate para vivir uns momentos máxicos!

Será o domingo 28 de xuño ás 18:00 h. na Capela do Balneario, a entrada é libre e de balde ata completar aforo. Celebraremos así o fin de curso da Escola de Teatro Lisístrata, onde o alumnado mostrará as súas dotes interpretativas aprendidas no obradoiro que tivo lugar de xaneiro a xuño.

Ana Hermida, presidenta da Lisístrata Asociación, actriz, feminista e formadora teatral, foi quen impartiu as clases e dirixiu «Finximentos sonoros»  espectáculo inmersivo sonoro que será a mostra do aprendido durante os meses de xaneiro a xuño. 

«Como directora podo dicir que foi unha experiencia marabillosa e o ambiente foi de total compañeirismo, agradable e respectuoso, nunca se puxeron ante un público que xulgue o que van facer, son persoas alleas a este medio que traballaron moito e con inmensa dedicación e agarimo, sacando tempo de onde non o tiñan. Síntome moi orgullosa de cada persoa que decidiu implicarse nesta aventura marabillosa, lograron grandes cousas e nada teñen que envexar a moitas profesionais. Doulle as grazas públicamente por deixarme compartir o seu esforzo e ver como melloran día a día».

Comparte éste artículo
No hay comentarios