Valentín González Formoso reuniuse hoxe con representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril para analizar a situación das infraestruturas ferroviarias de Ferrolterra.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo hoxe unha nova reunión con representantes do Foro Cidadán polo Ferrocarril de Ferrolterra, na que volveu trasladar o apoio da institución provincial ás reivindicacións encamiñadas a mellorar as conexións ferroviarias da comarca.
No encontro, celebrado na sede da Deputación, Formoso incidiu na necesidade de avanzar en medidas concretas que permitan modernizar a infraestrutura ferroviaria de Ferrol e a súa comarca e garantir uns servizos axeitados tanto para a mobilidade diaria da cidadanía como para a competitividade económica do territorio.
“Ferrol ten que recibir o mesmo trato que o resto das cidades galegas. Non pode quedar á marxe das melloras ferroviarias que se están impulsando noutros territorios”, afirmou o presidente provincial, que defendeu a necesidade de que as administracións competentes dean pasos firmes para corrixir unha situación que lastra as oportunidades de desenvolvemento de Ferrolterra.
González Formoso subliñou que a conexión ferroviaria é unha cuestión estratéxica para a comarca, tanto no transporte de viaxeiros como no de mercadorías.
O presidente da Deputación lembrou que a institución provincial xa amosou en anteriores ocasións o seu respaldo ás demandas do Foro Cidadán polo Ferrocarril e reiterou a vontade de seguir colaborando na procura de solucións. “A Deputación estará ao lado de Ferrolterra na defensa dun tren digno, moderno e útil. É unha reivindicación xusta, necesaria e compartida polo conxunto da comarca”, destacou.
Pola súa banda, os representantes do Foro trasladaron ao presidente provincial a evolución das súas demandas e a necesidade de manter a presión institucional e social para conseguir compromisos efectivos que permitan mellorar os tempos de viaxe, recuperar frecuencias, reforzar os servizos de proximidade e modernizar as conexións ferroviarias de Ferrol coa Coruña e co resto de Galicia.
A Deputación e o Foro coincidiron na importancia de seguir traballando para que Ferrolterra conte cun sistema ferroviario á altura das súas necesidades, como elemento clave para a vertebración territorial, a mobilidade e o futuro económico da comarca.