As 5 obras finalistas que formarán parte dunha exposición itinerante e do catálogo oficial son Néboa, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); Terra negra, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); Terra de promesas, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); Latencia, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e La mente vacía, de Raquel López Pajares (Madrid).
A Deputación da Coruña fixo público o veredicto do xurado do XX Premio de Creación Fotográfica “Luís Ksado”, que resolveu conceder por unanimidade o galardón á colección titulada Aventados, cuxo autor resultou ser o fotógrafo Miguel Muñiz. A reunión do xurado tivo lugar no Pazo Provincial e estivo presidida pola deputada de Cultura, Natividade González. Entre as 80 coleccións presentadas a este certame, o xurado realizou varias roldas de selección ata elixir a obra gañadora e seleccionar outras cinco series que formarán parte dunha exposición itinerante e do catálogo oficial. As coleccións finalistas para acompañar á peza premiada son Néboa, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); Terra negra, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); Terra de promesas, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo);Latencia, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e La mente vacía, de Raquel López Pajares (Madrid).
A deputada de Cultura, Natividade González, quixo destacar “a alta calidade e a relevancia das obras que concorreron nesta edición especial do certame”. A responsable provincial sinalou que o Premio Luís Ksado consolídase como un “referente indispensable para a creación fotográfica no noso país” e felicitou ao gañador por asinar unha obra “cunha sensibilidade extraordinaria”. Así mesmo, a deputada subliñou o “compromiso da institución provincial coa promoción da arte galega contemporánea” e a importancia de “estender estas propostas visuais por todos os concellos a través da mostra itinerante que se organizará proximamente”.
Pola súa banda, o xurado —composto por profesionais de recoñecido prestixio como a responsable de exposicións do concello da Coruña,Ana Martínez Arenaz; a directora do Centro Nacional de Fotografía, Mónica Carabias; o director de La Casa de la Imagen da Rioja, Jesús Rodríguez Rocandio; a comisaria internacional de fotografíaArianna Rinaldo; e o fotógrafo Premio Nacional de Fotografía Juan Manuel Castro Prieto, canda o comisario Xurxo Lobato, fotógrafo e académico da Real Academia Galega de Belas Artes— valorou de forma moi positiva a calidade de Aventados. Os membros do tribunal destacaron especialmente “a visión poética coa que o autor documenta ás persoas no seu contorno rural, logrando unha obra con gran coherencia narrativa e unha atmosfera evocadora de momentos onde a cor e o enfoque conseguen que o vento estea sempre presente na imaxe”.
Unha traxectoria ligada ao fotoxornalismo
O autor galardoado, Miguel Muñiz, naceu en Ourense o 30 de novembro de 1966 e formouse en fotografía na Escola de Artes Aplicadas de Santiago de Compostela, onde reside actualmente. Desde o ano 1994 desenvolve o seu labor profesional como fotoxornalista cubrindo os temas de actualidade en Galicia para o diario ABC, onde exerce como responsable gráfico.
Ao longo da súa extensa carreira formou parte do colectivo ‘Imaxe Covid’ e colaborou con diversos medios de comunicación, ademais de publicar como coautor os libros Fomos ficando sós o mar o barco e mais nós e Illados, diario da pandemia. O seu prestixio profesional fóra do noso país levouno a expor en Houston e en Portugal, e foi seleccionado ou finalista en prestixiosos certames internacionais como o ‘Wildlife Photographer of the Year’ do Museo de Historia Natural de Londres, o ‘Memorial María Luisa’ ou os ‘Siena Awards’.
Muñiz conta tamén con importantes recoñecementos na súa folla de servizos, xa que foi gañador do ‘European Newspaper Award’ na categoría de secuencias e series, obtivo o premio ‘Galicia en Foco’ en dúas ocasións, nos anos 2003 e 2022, e logrou diversos premios en certames de fotografía de ámbito local e especializado. Ademais, xa obtivo unha mención de honra neste certame, concretamente na edición do 2024.