Máis de 20 estudantes interpretarán unha peza dirixida pola escocesa Maeve Gilchrist no V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia.
Descubre más noticias musicales como ésta
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) presenta nesta xornada a programación completa da súa 13ª edición, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto. O único evento cultural do noroeste peninsular dedicado á arpa consolida este ano a súa aposta pola innovación, a creación propia e a diversidade de estilos: o seu cartel reúne desde a música clásica e antiga ata o jazz, a electrónica e a canción de autor. Serán dez concertos, todos eles de acceso gratuito, nos que haberá un forte protagonismo das mulleres arpistas.
O festival arrancará o mércores 29 de xullo no Teatro Coliseo Noela. A Real Filharmonía de Galicia protagonizará a xornada inaugural coa estrea mundial de ‘Alén do azul’, do compositor coruñés Teo Montero Rey. Esta obra foi a gañadora do Premio Portus Apostoli 2025, un galardón co que o Noia Harp Fest busca ampliar o repertorio actual para arpa e orquestra. Precisamente hoxe, coincidindo coa presentación pública do festival, a organización do evento abre a convocatoria para participar na seguinte edición do certame. As bases están dispoñibles na web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal, e a obra galardoada será estreada na edición de 2027.
Outra das novidades que se dan a coñecer este xoves 25 é o nome do último cabeza de cartel internacional do evento. Xunto aos xa anunciados con anterioridade -como o da escocesa Maeve Gilchrist, a irlandesa Siobhán Armstrong e a gambiana e británica Sona Jobarteh-, o festival incorpora ao estadounidense Park Stickney.
O músico é coñecido por revolucionar o papel da arpa no jazz grazas ao seu virtuosismo técnico e capacidade única para a improvisación -ademais de por ser un referente mundial na técnica de pedais-. Stickney, quen compaxina a súa carreira artística co seu labor voluntario no corpo de bombeiros, é pioneiro no uso da arpa electroacústica e se considera un dos músicos máis influíntes na evolución da arpa contemporánea.
O estadounidense actuará en Noia o venres 31 de xullo no Teatro Coliseo Noela co seu trío ‘Gustaf, Frederick & Isabel’. O son tenro e cálido do saxo tenor de Araxi Karnusian, o baixo pulsante de Björn Meyer e os sons engaiolantes da arpa de Park Stickney crearán unha atmosfera de contrastes que convidará ás e aos asistentes a participar nunha viaxe imaxinaria a través de composicións orixinais.
Os novos valores da arpa reúnense en Noia Ademais das figuras consagradas no ámbito da interpretación da arpa a nivel mundial, Noia Harp Fest afondará neste 2026 nun dos seus piares fundamentais: a aposta polo talento máis novo e próximo co impulso e promoción dunha xornada de aprendizaxe e convivencia. Os novos valores da arpa terán a súa cita o xoves 30 de xullo (13:00 horas) no Liceo de Noia coa celebración da quinta edición do Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia.
Esta xornada, que terá como acto central un concerto aberto ao público con actuacións grupais e individuais, contará coa participación de 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes de 4 centros: do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), do Conservatorio de Torroso (Mos), da Escola Municipal de Música de Santiago e da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de VIgo (ETRAD).O alumnado interpretará, de forma conxunta, unha peza composta pola escocesa Maeve Gilchrist, quen ademais dirixirá a actuación. Así, por segundo ano consecutivo, as e os arpistas máis novos do país interpretarán unha obra baixo a dirección dunha das figuras internacionais do cartel do festival, como xa fixeran no 2025 co bretón Kevin LePennec
Dez concertos e catro estreas para descubrir Noia a través da arpa
Con estas incorporacións, Noia Harp Fest pecha un cartel que se completa coas propostas exclusivas para o festival que ofrecerán Beatriz Martínez con Acacia Ojea e a Banda do NHF con Su Garrido Pombo; ademais dos concertos de Manuel Vilas con Entrebescant (coas réplicas dos instrumentos medievais de San Martiño) e de Neleta Ortiz co cellista Thomas Piel (coa estrea dunha obra do italiano Enrico Mainardi); e o das recoñecidas Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e Sona Jobarteh, quen pechará o evento o sábado 1.
Como en anos anteriores, todos os concertos serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos que inclúen desde o Teatro Coliseo Noela e o Liceo de Noia ata marcos históricos como a igrexa de Santa María A Nova, a de San Francisco -e o seu claustro- ou mesmo a Praza do Tapal.
13º Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.
Programación completa do Noia Harp Fest
29.07, Teatro Coliseo Noela | Real Filharmonía de Galicia. Estrea de ‘Alén do azul’, gañadora do Premio Portus Apostoli 2025
30.07, Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
30.07, Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea
31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo
31.07, Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio
01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
01.08, Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz
01.08, Praza do Tapal | Sona Jobarteh