Pilar García Porto puxo en valor a iniciativa de ABANCA, que repartiu unha trintena de lotes aos concellos, “contribuíndo a reforzar os recursos municipais” nun territorio “como o noso, marcado pola presenza do monte e pola dispersión da poboación”.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves nun acto organizado pola entidade financeira ABANCA para entregar unha trintena de equipos contra incendios de primeira intervención aos concellos do sur da provincia. Unha cita que tivo lugar no polígono industrial dos Acivros de Chantada.
“Nun territorio como o noso, marcado pola presenza do monte e pola dispersión da poboación, a colaboración entre administracións, entidades e tecido económico resulta fundamental”, valorou. Engadiu que “cada achega conta cando se trata de protexer ás persoas, ás vivendas, ás explotacións agrogandeirase unha paisaxe que forma parte da nosa identidade” e puxo en valor esta acción “que contribúe a reforzar os recursos municipais, axudando a facer fronte a un reto compartido”.
Os equipos que se repartiron esta mañá están compostos por unha mochila ríxida con lanza de dobre acción para expulsar auga de xeito continua e batelumes para sufocar as chamas sobre o terreo. Entregáronse aos concellos de Quiroga, Pantón, Sober, Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Monforte de Lemos, Chantada, O Saviñao, Carballedo, Bóveda, Paradela, Portomarín e Taboada.