Rubén Arroxo defendeu a proposta do BNG para axilizar a obra da Tinería, «unha rehabilitación que no 2009 estaba lista para iniciarse e que aínda se vai retrasar 3 anos máis«.
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo Fernández, defendeu no pleno municipal unha proposición para instar á Xunta de Galiza a reducir os prazos de redacción do proxecto de rehabilitación do Pazo de Dona Urraca. Arroxo afirmou que «este edificio podería estar xa completamente rehabilitado e ser un referente», e engadiu «o BNG tiña todo listo para a rehabilitación da Tinería, pero a chegada do PP á Xunta trouxo 17 anos de parálise«. Rubén Arroxo destacou que neste ano 2026 cúmprese o 900 aniversario da morte de Dona Urraca, a primeira raíña soberanda de Europa, raíña de Galiza e da que se supón que residiu neste Pazo.
Rubén Arroxo afirmou que esta é unha mostra máis do abandono da Xunta cos edificios de Lugo, «podemos velo coa antiga sede de Aspnais, co cuartel de San Fernando e proximamente verémolo coa estación de autobuses tras renunciar o PP a construír o Gran Parque Central», dixo Arroxo. O voto en contra do Partido Popular e da concelleira tránsfuga rexeitaron esta proposición.
O Pazo de Dona Urraca, é un dos edificios máis destacados do Barrio da Tinería. O proxecto iniciado polo BNG convertería este edificio nun centro de estudos sobre servizos sociais. A iniciativa, resultado dun concurso de ideas adxudicado en outubro de 2007ás arquitectas Belinda Besada e María Esther Faílde, incluía tamén a posta en valor dos restos arqueolóxicos da UI-8 e a conexión da contorna mediante un paseo aberto. Porén, a chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza supuxo a paralización da rehabilitación deste espazo. O 24 de setembro de 2010 renunciouse definitivamente ao proxecto, deixando o edificio en estado de abandono durante máis de 15 anos.
En marzo de 2025, a Xunta de Galiza convocou un novo concurso de ideas para a rehabilitación do inmoble, agora, segundo indicou a propia Xunta, o prazo de redacción deste novo plan estenderase durante 35 meses, mentres que o edificio continúa deteriorándose. Rubén Arroxo, afirmou que a última nova sobre o Pazo de Dona Urraca publicada pola Xunta de Galiza é «un novo castigo do PP a Lugo». Arroxo afirmou que, segundo os últimos prazos publicados, o proxecto de recuperación deste edificio non estará listo «ata mediados do 2029», ao que haberá que sumar o tempo que leven as obras. Arroxo cualificou como «unha falta de respeto ás e aos lucenses» o anuncio de e lembrou que «a Xunta xa ten un proxecto para este edificio e para o resto do barrio, un proxecto que incluso foi premiado pola ONU».
Centro de Saúde de Nadela
Por outra banda, o BNG defendeu a sanidade pública cunha nova iniciativa, que foi aprobada por unanimidade, reclamando que a Xunta non peche de xeito definitivo o Centro de Saúde de Nadela. A edil do BNG, Cristina López, defendeu a proposición para «manter o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas» ante un novo peche durante o verán. López afirmou que «cada ano a Xunta forza á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade«.
O BNG leva anos traballando xunto coas veciñas e veciños de Nadela para evitar o peche deste centro de saúde, trasladando a problemática ás distintas institucións onde ten representación, e apoiando as mobilizacións organizadas pola veciñanza. A atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta.
A edil do BNG afirmou que «non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario». O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela en todas as iniciativas que levaron adiante para reclamar un servizo de atención primaria digno. «Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro», afirmou López.
Outros asuntos do pleno municipal
O BNG preguntou nesta sesión plenaria pola construcción da pasarela peonil que comunicará o Parque de Rosalía co Parque de Marcos Cela, un proxecto iniciado polo BNG cando estaba no goberno «e no que o PP segue sen avanzar na súa contratación», dixo Rubén Arroxo. O anterior goberno municipal iniciou o procedemento de licitación o pasado 29 de abril. Tras a moción de censura, o 28 de maio, a Mesa de Contratación avaliou a oferta presentada e fixo unha proposta de resolución «que aínda está pendente de ser aprobada na Xunta de Goberno, o que impide iniciar as obras».
Arroxo lembrou que esta proposta foi aprobada en pleno no ano 2018 a iniciativa do Grupo Municipal do BNG, iniciativa que contou con 24 votos a favor e 1 voto en contra e que consistía en poder unir, facendo un paso peonil, a explanada das costas do parque co entorno do parque Marcos Cela. «Xa hai bastantes anos, estas costas do parque estaban conectadas directamente co río a través de camiños tradicionais, que cando se fixo a ronda República Arxentina se perderon, e con esta pasarela tamén sería un pouco recuperar ese concepto de unir o Parque co Río de xeito peonil», explicou Arroxo.
O BNG preguntou tamén polo estado da parcela da confluencia entre a rúa Montero Ríos e o Carril das Flores, e presentou un rogo para dar continuidade ao plan de humanización das contornas escolares, avanzando no espazo do CEIP Illa Verde, tal e como tiña previsto o BNG desde o goberno cunha partida orzamentaria de 100.00€.