As sesións estarán impartidas pola investigadora e escritora Carmen V. Valiña, autora de
As tolas que non o eran, que creou a obra durante as Residencias Artísticas Mariñán de pensamento no 2024.
A Deputación da Coruña pon en marcha mañá, venres 26 de xuño, un ciclo de talleres centrado na recuperación da memoria das mulleres internas en Conxo e a análise do uso da psiquiatría como ferramenta de control da disidencia feminina. A iniciativa, que percorrerá varios municipios da provincia, estará impartida pola investigadora e escritora Carmen C. Valiña, autora do libro ‘As tolas que non o eran’.
A primeira sesión terá lugar mañá ás 17.00 horas no CPI San Vicente, no municipio da Baña. A través destes encontros, promóvese a reflexión sobre a memoria das mulleres e a visibilización de historias que permaneceron durante anos ocultas.
O ciclo toma como punto de referencia o traballo de investigación recollido en ‘As tolas que non o eran’, obracreada nas Residencias Artísticas Mariñán de pensamento no 2024 e galardoada co Premio Losada Diéguez de investigación e . O libro recupera as experiencias das mulleres internadas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936, moitas delas aldeás, pobres, analfabetas ou consideradas rebeldes.
A través das páxinas, a autora reconstrúe as vidas de mulleres que foron afastadas da sociedade e cuxas historias permiten reflexionar sobre os mecanismos de control exercidos na sociedade.
Calendario do ciclo
Tras a primeira sesión na Baña, o programa continuará nas seguintes localidades:
- 15 de xullo, 17 horas, albergue O Abeiro, concello de Mañón
- 17 de xullo, 17 horas, Casa da Irmandade, concello de Sobrado
- 8 de setembro, 18 horas, Centro Social, concello de Coirós
- 5 de novembro, 18 horas, Casa Rosalía, concello de Padrón
- 12 de novembro, 16.30 horas, Centro S. Abanqueiro, concello de Boiro
A través desta iniciativa, a Deputación reafirma o seu compromiso coa divulgación histórica, a igualdade e a recuperación da memoria das mulleres.