Celebrarase desde este mércores 1 ao venres 3 de xullo a partir das 22h na praza do Campo da Leña.
A Coruña volta desfrutar do único ciclo de cine LGTBIQ+ ao aire libre que se celebra na cidade desde hai sete anos: o Ciclo Cinema con Orgullo, enmarcado dentro da programación do Concello Coruña Orgullosa. Celebrando a Diversidade con motivo do mes do Orgullo LGTBIQ+. Esta edición celebrarase desde este mércores 1 ao venres 3 de xullo a partir das 22h na praza do Campo da Leña coas proxeccións de películas en versión orixinal subtitulada, cunha performance poética a cargo de Samuel Merino durante a primeira xornada e coloquio coa directora dunha das obras, Anxos Fazáns.
Filmes recentes galegos, cataláns e canadenses
A selección deste ano, difundidas nos últimos meses, con dúas estreas en Galicia (Un altre home e Montrèal, ma belle) e unha película nomeada en once candidaturas dos Mestre Mateo (As liñas descontinuas), amosa unha ampla representatividade das identidades e cuestión universais como as relacións de parella ou a amizade.
Mércores 1 de xullo: Un altre home (2025, España/Catalunya, tráiler). Dirixida por David Moragas, trátase dun drama romántico dunha parella na súa trintena e dos conflitos arredor das expectativas e da perda.
Xoves 2 de xullo: Montréal, ma belle (2025, Canadá, tráiler). Dirixida por Xiaodan He, relata a historia dunha inmigrante chinesa de 53 anos que experimenta un cambio de vida a partir de coñecer a Camille, unha quebequesa que lle fará darlle a volta ao seu matrimonio.
Venres 3 de xullo: As liñas descontinuas (2025, Galicia, tráiler). Dirixida por Anxos Fazáns, sitúa o centro do argumento na relación de amizade que se traza en estrañas circunstancias entre unha muller de cincuenta anos e un home trans de vinteoito. A película foi nomeada a once candidaturas nos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. A directora participará nun coloquio inicial antes da proxección.
Outro concerto para flores
A primeira xornada do mércores 1 de xullo do ciclo de cinema inaugurarase coa performance poética Outro concerto para flores, a cargo do poeta mosense Samuel Merino. O autor de tres obras literarias -Con esta hoz/Con esta fouce (2023), Claustro Corda Comensal (2023) e Manual de Camuflaxe (2025)- recibiu galardóns coma o II Premio Pezas dun teatro do porvir Galiza-Portugal en 2023, xunto coa poeta Silvia Penas, e o VII Premio de Poesía Viva L de Lírica en 2025.