Lugo acollerá esta fin de semana dous partidos amigables das seleccións galega e catalá absolutas de fútbol sala

A alcaldesa, Elena Candia, participou na presentación dunha cita que reunirá no Municipal de Lugo ás seleccións masculinas e femininas de Galicia e Cataluña.

O salón de plenos do Concello de Lugo acolleu esta mañá a presentación oficial dos partidos amigables que disputarán esta fin de semana as seleccións galega e catalá absolutas de fútbol sala, unha cita que converterá a cidade nun novo escaparate para este deporte.

No acto participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o concelleiro de Cultura, Javier Vázquez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manolo Cadramón; e o director deportivo de fútbol sala da Real Federación Galega de Fútbol, Iván Pico.

O primeiro encontro disputarase o venres ás 20.30 horas no Pavillón Municipal de Lugo e enfrontará ás seleccións absolutas masculinas de Galicia e Cataluña. A segunda cita terá lugar o sábado 4 de xullo ás 11.30 horas, tamén no Municipal, co partido entre as seleccións absolutas femininas das dúas comunidades.

Durante a presentación, Elena Candia destacou a importancia de que Lugo continúe acollendo eventos deportivos deste nivel, que permiten achegar o deporte de elite á cidadanía e reforzan a actividade deportiva da cidade e animou aos afeccionados ao fútbol sala e á veciñanza a asistir a estes encontros, que servirán tamén para promocionar este deporte e seguir consolidando Lugo como sede habitual de competicións e eventos deportivos de primeiro nivel.

Comparte éste artículo
No hay comentarios