O Concello de Lugo abre o prazo para participar en «Ocio en Familias», unha das propostas incluídas no programa Lugo +XTi 2026, dirixida a familias con nenas, nenos ou adolescentes co obxectivo de fomentar a convivencia, o lecer compartido e a adquisición de hábitos saudables.
A actividade desenvolverase do 16 de xullo ao 5 de agosto no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra (2º andar, sala C), de luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados, de 11.00 a 14.00 horas.
A programación combinará propostas lúdicas, creativas e deportivas pensadas para realizar en familia con tres sesións de ponencias abertas ao público nas que especialistas abordarán cuestións de interese para pais, nais e titores:
16 de xullo: Prevención de adiccións, a cargo de Brais Romanos.
23 de xullo: Xestión de conflitos e comunicación materno/paterno-filial, impartida por Amalia de Otto.
30 de xullo: A importancia da actividade física na infancia e adolescencia, con Sinda Fernández.
A participación na actividade é gratuíta. As inscricións realizaranse no propio inicio da actividade, mentres que a asistencia ás sesións formativas será de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
As persoas interesadas poden obter máis información na web lugomasxti.org ou no teléfono 982 297 498.
Esta iniciativa forma parte do programa Lugo +XTi 2026, financiado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, co que o Concello promove alternativas de lecer saudable e accións de prevención dirixidas á mocidade e ás familias.