Pilar Bellón: «a Xunta de Galiza deixa a este concello nunha situación de discriminación e precarización a sanidade deste concello».
O BNG do Corgo acompañou á veciñanza do Corgo que se concentraron este xoves diante do centro de saúde para denunciar o progresivo deterioro da atención sanitaria no concello e poñer de manifesto as consecuencias dos recortes aplicados pola Xunta de Galiza na Atención Primaria.
A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, advertiu de que a situación sanitaria do municipio é cada vez máis preocupante e repercute directamente na calidade asistencial que recibe a veciñanza. «A Xunta continúa desmantelando a sanidade pública no rural, obrigando á cidadanía a soportar constantes carencias e desprazamentos para acceder a servizos básicos», afirmou.
Bellón lembrou que o Punto de Atención Continuada (PAC) do Corgo é compartido cos concellos de Castroverde, Baleira e Baralla, unha circunstancia que limita a capacidade de resposta ante as urxencias dunha ampla zona do interior da provincia.
A portavoz nacionalista tamén denunciou a ausencia de servizo de matrona no centro de saúde. As usuarias do Corgo vense obrigadas a desprazarse ata Sarria e, mesmo para solicitar unha cita, teñen que contactar directamente co centro de saúde desa localidade, cunhas demoras que dificultan o acceso á atención.
No caso da pediatría, o servizo tamén presenta importantes deficiencias. O profesional reparte a súa xornada entre distintos concellos e só atende no Corgo dous días á semana, ou segundo a súa dispoñibilidade. Ademais, a partir da próxima semana non haberá cobertura das vacacións, deixando as crianzas sen pediatra e obrigando as familias a acudir á medicina de familia ou ás urxencias para cuestións que deberían resolverse na consulta pediátrica.
«A veciñanza non pode seguir sufrindo unha sanidade de segunda por vivir no rural. Necesitamos un servizo digno, continuo e con todos os profesionais necesarios cubertos durante todo o ano», concluíu Pilar Bellón.
O BNG do Corgo asegurou que continuará mobilizándose e reclamando á Xunta de Galiza que reverta os recortes e garanta unha atención sanitaria pública de calidade para toda a veciñanza do concello.

