Toén, 4 de xullo de 2026. O Partido Popular de Galicia, a través dos seus deputados no Congreso, impulsou unha Proposición Non de Lei (PNL) para o seu debate na Comisión de Defensa. Na iniciativa, reclaman de forma urxente ao Goberno de España a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia, concretamente no Centro Integral de Loita contra o Lume do concello de Toén (Ourense).
A deputada ourensá Ana Vázquez sinalou que a base máis próxima atópase actualmente en León, o que provoca que «os tempos de resposta non sexan os óptimos en situacións onde a rapidez é clave para salvar vidas e protexer a contorna natural». Debido á súa gran masa forestal, á dispersión poboacional e aos fenómenos meteorolóxicos extremos, carecer de efectivos permanentes supón «unha desvantaxe loxística e de prevención evidente».
¿Por que Ourense e por que Toén?
A PNL fundamenta a elección da provincia en tres piares básicos:
- Ubicación estratéxica: Situada no interior galego, conta con óptimas comunicacións co resto das provincias.
- Alto risco: É historicamente un dos territorios máis castigados polos incendios forestais, cunha orografía montañosa que dificulta as tarefas de extinción.
- Impacto socioeconómico: Fronte ao reto demográfico e o despoboamento, a base funcionaría como motor económico mediante a creación de emprego directo e a dinamización de servizos no rural.
«Dispoñer dunha base en Toén reduciría drasticamente os tempos de despregamento nas zonas rurais máis vulnerables e axudaría a paliar o déficit histórico de investimentos do Estado na provincia». C0omentou Ana Vázquez, deputada do PP no Congreso.
Fronte común co Parlamento de Galicia
Esta ofensiva en Madrid súmase á proposición aprobada no Parlamento de Galicia o pasado 23 de xuño. Na Cámara galega, o Grupo Popular defendeu que esta instalación constituiría «un reforzo estratéxico de primeira orde» non só contra os incendios, senón tamén ante inundacións, temporais ou nevadas.
O PP subliña a idoneidade de Toén, xa que ao albergar o Centro Integral de Loita contra o Lume (de titularidade autonómica), a chegada da UME favorecería sinerxías inmediatas e un adestramento conxunto entre os diferentes efectivos de emerxencias.