A programación, que terá lugar no CITIC, inclúe un curso de Experto e dúas microcredenciais en algoritmos verdes, un perfil cada vez máis demandado polas empresas para desenvolver aplicacións de IA máis eficientes e sustentables.
A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes abriu o prazo de preinscrición da nova edición do seu programa formativo, integrado por un Curso de Experto en IA e Algoritmos Verdes e dúas microcredenciais universitarias centradas no deseño, a implementación e as aplicacións prácticas de algoritmos verdes para a intelixencia artificial.
A iniciativa ofrece unha formación especializada nun dos ámbitos con maior proxección dentro do sector tecnolóxico, onde a crecente implantación da intelixencia artificial está impulsando a demanda de profesionais capaces de desenvolver modelos máis eficientes desde o punto de vista computacional e enerxético, contribuíndo así a unha IA máis sustentable.
Está dirixida tanto a estudantes e titulados que desexen orientar a súa carreira cara a un campo con amplas oportunidades laborais como a profesionais que busquen actualizar as súas competencias e incorporar coñecementos sobre sustentabilidade e eficiencia no desenvolvemento de solucións baseadas en intelixencia artificial.
Cun enfoque eminentemente práctico, o programa aborda contidos relacionados coa aprendizaxe automática eficiente, o deseño sustentable de modelos de IA, a análise de datos, o procesamento da linguaxe natural, a visión por computador e as aplicacións da IA verde na Industria 4.0 e 5.0.
A nova edición inclúe tres accións formativas:
• Curso de Experto en IA e Algoritmos Verdes, de 25 créditos ECTS, que se impartirá entre outubro de 2026 e febreiro de 2027 en modalidade presencial no CITIC da UDC.
• Microcredencial «Algoritmos Verdes para a IA: Aplicacións Prácticas», tamén de 6 créditos, que se desenvolverá entre novembro e decembro de 2026 en modalidade virtual.
• Microcredencial «Algoritmos Verdes para a IA: Deseño e Implementación«, de 6 créditos ECTS, que terá lugar entre setembro e outubro de 2026 en modalidade híbrida.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 10 de xullo para o Curso de Experto e a microcredencial «Aplicacións Prácticas», e ata o 15 de xullopara a microcredencial «Deseño e Implementación».
Con esta nova edición, a Cátedra Inditex-UDC reforza o seu compromiso coa formación de profesionais capaces de liderar o desenvolvemento de tecnoloxías de intelixencia artificial máis eficientes e sustentables, contribuíndo á transición cara a un modelo tecnolóxico responsable e aliñado cos retos ambientais e industriais actuais.
Toda a información sobre a inscrición, programa e matrícula está dispoñible na páxina web da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes.
Sobre a Cátedra
A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, creada en 2023 pola Universidade da Coruña e Inditex, ten como misión impulsar a investigación, a formación e a transferencia de coñecemento en intelixencia artificial aplicada á sustentabilidade.
Entre os seus obxectivos destacan o desenvolvemento de programas formativos, a promoción da innovación e da cooperación público-privada, a valorización dos resultados da investigación e a difusión científica.
Esta iniciativa susténtase na sólida traxectoria da Universidade da Coruña no ámbito da intelixencia artificial, consolidada desde finais dos anos oitenta e reforzada coa creación do CITIC, e no compromiso de Inditex coa innovación e a sustentabilidade, reflectido nos seus obxectivos ambientais de alcanzar as emisións netas cero en 2040.