O vehículo, financiado a través do POS+ Adicional 1/2026, supón un investimento de 16.976,37 euros.
A Deputación da Coruña entregou ao Concello de Oleiros un novo vehículo destinado a reforzar os medios materiais dos Servizos Sociais do municipio.
A deputada provincial de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal, participou no acto de entrega xunto á concelleira de Política Social, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Oleiros, Belén Taboada Casal.
O vehículo adquirido é un Dacia Sandero Stepway Essential ECO-G de 100 CV, financiado pola Deputación a través do POS+ Adicional 1/2026 cun investimento de 16.976,37 euros. O coche estará destinado aos programas dos Servizos Sociais Comunitarios e facilitará os desprazamentos do persoal técnico para visitas domiciliarias, acompañamentos a persoas usuarias e outras actuacións propias da actividade diaria da área.
Mar García Vidal destacou que “a colaboración entre administracións permite mellorar os servizos públicos e achegar a atención social ás persoas que máis o precisan”. A deputada subliñou tamén que “os concellos son a primeira porta á que chama a cidadanía cando necesita apoio, e desde a Deputación queremos contribuír a que conten cos medios necesarios para prestar unha atención social próxima, áxil e de calidade”.
Pola súa banda, Belén Taboada agradeceu a colaboración da institución provincial e destacou a importancia de contar con novos recursos para mellorar a atención á veciñanza.