Como todos os anos a esta altura chega o Convivo da Cultura Galega, desta volta a celebrar a súa XIIIª edición que, coma sempre, se desenvolverá no Campo de Santa Isabel, en Outeiro de Rei.
Deste xeito, a programación prevista a desenvolver, como en anos anteriores, prevé a ofrenda a Manual María e Saleta Goi, actuacións musicais, xantar popular, foliada e a asemblea anual onde o tecido asociativo cultural do país fai balance do último ano e xa prepara as actividades da anualidade vindeira.
Así, a recepción das persoas participantes realizarase a partir das 11.15 horas, na Casa-Museo Manuel María como punto de encontro, onde acollerá a música da coral Solfa.
Rematada a súa actuación, ás 11.45 horas, ten previsto realizarse unha andaina de acompañamento cara ao cemiterio de Outeiro onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta Goi, que unha vez rematado, e con traslado posterior para o campo de Santa Isabel, as 12.30 horas, na beira do río Miño, acubillará a actuación da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales.
Nesta ocasión, a banda estará acompañada por Uxía, que alén de interpretar unha serie de composicións conxuntamente, cantará en solitario algunhas pezas do seu último traballo dedicado a Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Ao remate, contra as 14.00 horas, comezará o xantar en convivio preámbulo da festa cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde porá a música os grupos
Sons da Chaira, Música na Eira, Mestura de Nete, o grupo de cantos de taberna de Xermolos, Tradivivas Agra e Parabéns.
Asemade, simultaneamente as actuacións das 12.30 horas, terá lugar a reunión anual das entidades que conforman a Federación Galiza Cultura, á que están convidadas todas aquelas outras asociacións culturais do país que queiran participar con voz, mais sen voto.
Na reunión analizaranse as actividades desenvolvidas por Galiza Cultura no último ano e adiantarase a programación dos novos proxectos para o exercicio
vindeiro, que vai conxugar actividades novidosas con outros que xa viñan desenvolvendo, mais introducindo novos enfoques.
Entre as novas propostas, e coincidindo co bicentenario do nacemento do compositor Marcial del Adalid, preténdese impulsar un programa de actividades dirixido á recuperación da obra de diversas compositoras e compositores clásicos galegos, pois logo a Federación entende que esta é unha das partes da nosa cultura máis descoñecidas posuíndo toda unha serie de autores e autoras e unha extensa produción moi pouco popularizada e difundida que bebeu directamente das fontes europeas mais vangardistas de mediados e finais do século XIX.
Asemade, a entidade federativa tamén pretende dar continuidade na súa programación ás lecturas públicas dos relatos recollidos no libro Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Daniel Castelao, ao tempo, de continuar coa popularización do Himno Galego, e a actividade Cantar Nación, nun momento en que o Parlamento galego debate a restitución da letra fidedigna para axeitala ao texto orixinal do poema Os Pinos do escritor Eduardo Pondal.
Con todo, a festa anual da cultura galega, porá o ramo a anualidade 2025-2026 do mellor xeito posíbel: unha foliada popular de convivencia.