O PPdeG lembra a Miguel Ángel Blanco no 29º aniversario do seu asasinato a mans da banda terrorista ETA.
Xunto ao alcalde da Merca, José Manuel Garrido, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, acompañada pola secretaria xeral da provincia de Ourense, Sandra Quintas, participou no acto institucional organizado polo Concello da Merca, a localidade natal do que foi concelleiro do PP de Ermua. Os populares sumáronse á veciñanza nunha misa solemne na igrexa parroquial de San Xes de Faramontaos e na ofrenda floral, onde se honrou a memoria do político vasco con profundas raíces galegas e a súa loita por manter “os valores da democracia e da liberdade” fronte aos “radicalismos” e as súas “terribles consecuencias”.
Así o expresa a número dous dos populares galegos na conmemoración do 29º aniversario da morte de Miguel Ángel Blanco, poñendo en valor o compromiso do PPdeG por respectar “o legado de quen nos deixou un exemplo moral e de coraxe democrático”, lembrando que se deixou a vida “por defender as liberdades”. Neste sentido, critica aos partidos que “esquecen” o significado da banda terrorista ETA, que asasinou a 68 galegos, e lamenta que a esquerda pacte con partidos coma Bildu, “herdeiros de quen sementou o terror no noso país e arrincou liberdades” e, sen embargo, “non esixan un perdón para as vítimas e as súas familias”.
“Non entendemos como hai partidos galegos, como o BNG, aliados con herdeiros de ETA e mesmo asesorados por eles”, asegura Prado, ao tempo que reitera o seu rexeitamento a “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos da banda terrorista e pretenden lexitimar a súa existencia”. “Tampouco deberían facelo o PSOE e o BNG”, engade, argumentando que “non hai nada que falar ata que non pidan perdón e non axuden a esclarecer todos os crimes”.