Lugo volveu ser este domingo o epicentro da creación artística coa celebración do seu XXVI Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre ‘Cidade de Lugo’. A cita, totalmente consolidada no calendario estival, reuniu a 33 pintores de Galicia, Asturias, León, Cataluña e Portugal, reafirmando á cidade como referente cultural.
Os artistas, con idades comprendidas entre os 25 e os 74 anos, percorreron as rúas durante toda a xornada para plasmar en lenzos diferentes recunchos do municipio antes do límite de entrega, fixado ás 17:00 horas. Esta diversidade xeracional achegou múltiples olladas e sensibilidades sobre o patrimonio lucense.
Dende o goberno local destacaron que o certame «permite promocionar Lugo a través da arte, poñendo en valor un patrimonio monumental e natural único». Para o executivo, a iniciativa «fai que a arte saia á rúa e converta a cidade nun escaparate aberto ao talento».
O xurado encargouse de avaliar as propostas baseándose en criterios como a composición, a técnica, o uso da luz e o impacto emocional. Estivo composto por:
- Lara Esperante Ingelmo, artista plástica da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
- Xabier Pico Franco, profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.
- M.ª Dolores Guerrero Lombardía, pintora e delegada en Lugo da Asociación Española de Pintores e Escultores.
Palmarés desta edición A entrega de premios puxo o broche de ouro á xornada cos seguintes galardoados:
- 1º premio (1.600 € e diploma): Manuel Carballeira Rivas
- 2º premio (1.100 € e diploma): Abel Barandela Fernández
- 3º premio (900 € e diploma): José Ángel Rivas Sánchez
- Premio ao artista local (450 € e diploma): Roldán Lauzán Eiras
- Premios de 300 € e diploma: Óscar Herran Mínguez, Borja García Cuesta, Eduardo Pérez Baamonde, Daniel Izquierdo García e Josep Millar Chía.