A Asociación Veciñal As Carballeiras denunciou hoxe publicamente o «abandono absoluto» por parte do Concello de Lugo ante a falta de mantemento de varios espazos públicos na zona sur da cidade, onde a maleza crece sen control e invade as zonas de paso.
A entidade veciñal trasladou o seu profundo malestar pola situación de abandono que presentan as rúas Rei Don García e Jacinto Calvo, así como o aparcadoiro de Parga Cerezo. Lamentan que a área de Medio Ambiente de Lugo faga caso omiso ás queixas e non realice os traballos de limpeza e roza necesarios para conservar estes espazos en condicións dignas.



Segundo advirte o colectivo, a vexetación xa está a ocupar parte das beirarrúas e a estenderse sobre muros e valados, o que dificulta o tránsito peonil e compromete a accesibilidade de veciños e viandantes.
«Non se trata unicamente dunha cuestión de imaxe urbana, senón de garantir a limpeza e a seguridade da veciñanza«, sinalan dende a asociación, que acusa ao goberno local de carecer de planificación e de actuar só «a golpe de queixa» cando o estado de abandono xa é insostible.
Por todo isto, As Carballeiras esixe á área de medio ambiente do Concello de Lugo unha actuación de urxencia para limpar e rozar de inmediato as zonas afectadas, así como a posta en marcha dun plan de supervisión periódico para evitar que o espazo público volva deteriorarse desta maneira.