A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá un minuto de silencio diante da Subdelegación do Goberno en memoria de Ana Milet, asasinada en Sevilla; Cristina e María Celestina, asasinadas en Málaga; e María Lourdes, asasinada en Alacante, as catro últimas vítimas mortais da violencia de xénero en España.
Durante o acto, Olimpia López trasladou, en nome do Goberno de España, “a máis firme condena por estes crimes e todo o noso apoio e solidariedade ás familias, amizades e persoas achegadas das vítimas”. A subdelegada puxo o foco en que “non debemos normalizar estes casos que nos chegan como un goteo inasumible para toda a cidadanía”, pois “cada asasinato machista representa un fracaso colectivo que nos obriga a redobrar esforzos, deste todos os ámbitos da sociedade”.
Con estes crimes, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España no que vai de ano ascende a 28, mentres que desde 2003 a cifra total alcanza as 1.368 vítimas. Ademais, xa son 3 os menores de idade asasinados por violencia vicaria neste 2026.
Para rematar, López fixo un chamamento ao conxunto da sociedade para manter unha resposta firme e unida fronte á violencia de xénero e reiterou o compromiso do Goberno de España coa protección das vítimas e coa prevención desta violencia estrutural. “A violencia machista interpélanos a todas e todos. Só desde a implicación colectiva poderemos construír unha sociedade libre de medo, desigualdade e violencia contra as mulleres”, concluíu.
Ao acto sumáronse representantes das administracións públicas, das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, doutras institucións e o persoal da Subdelegación, nunha mostra de condena e unidade fronte á violencia machista.
O Ministerio de Igualdade, a través da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, lembra que o teléfono 016 e demais recursos funcionan as 24 horas, todos os días do ano. Os medios de asistencia poden ser activados pola vítima e por calquera persoa que coñeza ou sospeite dun caso de violencia de xénero.