A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez; a directora do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Belén Montero; e o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz, recibiron, a primeira hora desta mañá, no edificio da Vicerreitoría, unha delegación institucional e académica da cidade romanesa de Galati.
Ao longo da visita, os representantes romaneses coñeceron de primeira man as principais capacidades do Campus Industrial de Ferrol nos eidos da docencia, da investigación e da transferencia de coñecemento. A xornada incluíu unha presentación centrada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), así como un percorrido polas instalacións e laboratorios do centro de investigación.
A delegación estivo encabezada polo alcalde de Galati, Ionuț-Florin Pucheanu, e contou tamén coa participación do administrador público da cidade, CezarIonuț Bichescu; do director executivo da Dirección de Desenvolvemento de Infraestruturas e Obras Públicas, Cristian Capetis; do xefe do Servizo de Promoción Económica e Cooperación, Claudiu Eduard Zlătaru; así como do reitor da Dunărea de Jos University of Galați, Marian Barbu; e do decano da Facultade de Arquitectura Naval, Leonard Domnișoru.