Comunicado conxunto de PSOE e BNG: «Elena Candia utiliza a opacidade e a confrontación para fuxir do control da oposición»

O Grupo Municipal Socialista e o Grupo Municipal do BNG queren denunciar publicamente o trato denigrante, a absoluta falta de respecto institucional e a deriva autoritara ante a incapacidade demostrada hoxe polo Goberno de Candia á hora de afrontar as preguntas da oposición , onde se produciron feitos dunha enorme gravidade que supoñen unha vulneración dos principios democráticos que deben rexer o funcionamento dunha institución pública.

O acontecido tanto na Comisión de Alcaldía, Medio Ambiente, Xestión Integral de Recursos Humanos, Seguridade, Dinamización Económica e Relacións Institucionais como na Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e Permanente Ordinaria de Política Social, Maiores, Migración, Muller e Conciliación evidencia unha forma de gobernar baseada na confrontación, na falta de transparencia e no desprezo ao labor de control que corresponde á oposición.

1 . Candia foi incapaz de acreditar a existencia dos informes nos que fundamenta as súas decisións

Ante as preguntas formuladas polo Grupo Municipal Socialista para solicitar que se exhibise ou, cando menos, se identificase o suposto informe da Unión Europea ao que Elena Candia vén facendo referencia para xustificar o levantamento dunha parte das actuacións executadas con fondos EDUSI, a alcaldesa non foi quen de achegar ningún documento nin de ofrecer explicación algunha sobre o seu contido, autoría ou existencia. Do mesmo xeito, tampouco foi capaz de mostrar nin citar o suposto informe da Policía Local ao que apelou publicamente para cualificar como perigosa esa infraestrutura.

O Partido Popular non foi capaz de explicar o traballo da concellería de Emigración ante as preguntas presentadas polo grupo municipal do BNG. A posición defendida polo goberno foi non responder nada mentres non tivese un proxecto para expoñer. Isto demostra unha evidente incapacidade para gobernar ao non contar cun proxecto claro e definido máis de dous meses e medio despois de chegar ao goberno. A oposición considera que o PP amosa unha clara parálise o que se demostra ante a súa falta de programa para Lugo.

Ambos os grupos consideran extremadamente grave que unha alcaldesa pretenda fundamentar decisións de enorme transcendencia política e económica en informes que, cando se lle require formalmente que os presente, simplemente non aparecen.

Ambas formacións sinalaron que ante a súa incapacidade para ensinar ou citar eses informes, porque non existen, optou pola confrontación e polas faltas de respecto reiteradas como forma de fuxir da súa responsabilidade á fronte da comisión.

2. A confrontación como única resposta á falta de explicacións

Lonxe de responder ás cuestións formuladas polos grupos da oposición, a alcaldesa decidiu elevar deliberadamente o ton da comisión mediante interrupcións continuas, descalificacións e alusións persoais dirixidas tanto aos representantes do Grupo Municipal Socialista como do Grupo Municipal do BNG.

O que debería ser un órgano de control converteuse nun escenario de tensión provocado exclusivamente pola negativa da alcaldesa a dar explicacións sobre asuntos de evidente interese público.

Os dous grupos consideran especialmente preocupante que quen preside a comisión utilice a súa posición institucional para impedir o normal desenvolvemento do debate político.

3 . Silencio tamén sobre o custo do novo despacho da concelleira tránsfuga

Durante as comisións tamén se solicitou información sobre o custo da construción do novo despacho habilitado para a concelleira tránsfuga.

A alcaldesa foi igualmente incapaz de indicar o importe desta actuación, así como de aclarar se os traballos foron executados mediante medios propios do Concello ou mediante contratación externa.

Resulta inadmisible que o propio Goberno municipal descoñeza ou se negue a facilitar información tan básica sobre actuacións sufragadas con recursos públicos e se esta traballo executouse con medios propios ou a través deunha contratación con terceiros.

4. Levantamento unilateral da comisión para evitar o control democrático

A culminación desta actitude produciuse cando a propia alcaldesa decidiu levantar anticipadamente e de maneira unilateral a Comisión de Alcaldía, impedindo que os grupos municipais puidesen continuar exercendo a súa labor de fiscalización.

Esta decisión evidencia unha preocupante incapacidade para asumir o control democrático ao que debe someterse calquera goberno e supón un precedente moi grave para o funcionamento institucional do Concello de Lugo.

5. Ningunha colaboración coa comunidade venezolana tras a catástrofe sísmica

Na Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e Permanente Ordinaria de Política Social, Maiores, Migración, Muller e Conciliación, os grupos da oposición interesáronse polas medidas de apoio prestadas polo Concello á comunidade venezolana residente en Lugo, a través da asociación Venelugo, tras a recente catástrofe sísmica sufrida en Venezuela.

A resposta do Goberno municipal foi que no n se impulsou ningún tipo de colaboración, axuda nin iniciativa instituciona l , unha contestación que ambas formacións consideran especialmente decepcionante tendo en conta a importante presenza da comunidade venezolana na cidade e os fortes vínculos sociais existentes.

6. Un Goberno sen proxecto nin planificación para Lugo

Na mesma comisión preguntouse tamén cales son os principais proxectos e liñas estratéxicas que o actual Executivo prevé desenvolver durante o mandato.

A presidenta da comisión, Mar Carballas, limitouse a responder que «xa os coñecerán cando se leven a cabo» , unha contestación que, ao xuízo do Grupo Municipal Socialista e do Grupo Municipal do BNG, evidencia unha absoluta ausencia de planificación e confirma que o Goberno municipal carece dun proxecto definido para a cidade.

«Un Goberno que non é capaz de explicar cara onde quere levar Lugo é un Goberno que improvisa permanentemente. A planificación non pode consistir en anunciar actuacións cando xa están decididas; debe existir unha estratexia pública, transparente e compartida coa cidadanía», sinalan ambas formacións.

7. O mesmo modus operandi: impedir o debate tamén nesta comisión

Do mesmo xeito que sucedera previamente na Comisión de Alcaldía, a presidenta da Comisión de Política Social decidiu dar por concluída a sesión antes de que rematase o desenvolvemento da mesma, impedindo novamente que a oposición puidese completar o exercicio das súas funcións de control.

Para o Grupo Municipal Socialista e o Grupo Municipal do BNG, esta forma de actuar responde xa a un patrón perfectamente definido: evitar responder ás preguntas, limitar o debate político e utilizar a presidencia das comisións como unha ferramenta para impedir a fiscalización da acción de goberno.

Os dous grupos consideran que o sucedido durante a xornada de hoxe transcende a discrepancia política e afecta directamente á calidade democrática da institución municipal.

Por iso denuncian que a forma de actuar de Candia e do seu Goberno deteriora gravemente a convivencia institucional, degrada o funcionamento democrático do Concello e transmite unha imaxe profundamente preocupante dunha administración que responde con confrontación, opacidade e improvisación cada vez que se lle esixen explicacións.

A democracia require transparencia, respecto institucional e rendición de contas. O acontecido hoxe nas dúas comisións municipais representa exactamente o contrario. Perante esta situación, ambas formacións esixen un cambio inmediato de actitude, o respecto aos dereitos da oposición e a recuperación da normalidade democrática no funcionamento do Concello de Lugo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios