O PSOE de Arteixo acusa ao Goberno local de «deixar caer» as festas patronais por falta de xestión

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao pleno a súa ofensiva contra o deseño das festas patronais de Santiago Apóstolo, denunciando o que consideran un progresivo «empobrecemento e falta de xestión» por parte do executivo do Partido Popular. O portavoz do PSOE local, Martín Seco, afeou ao Goberno de Carlos Calvelo a transformación duns festexos que, ao seu xuízo, deberían ser un motor económico para a hostalaría e o comercio, nun programa «baleiro de contido».

Os socialistas lamentan a «incapacidade» do Goberno local para vertebrar un calendario festivo acorde ao peso demográfico e económico de Arteixo, un municipio que xa roza os 33.000 habitantes.

Sen cultura, feiras nin deporte

Dende as filas do PSOE lembran que a cita do Apóstolo constitúe unha oportunidade estratéxica para dinamizar as rúas e atraer visitantes. Porén, denuncian que a estratexia da concellaría de Cultura limitouse a actuar como unha mera «axencia de contratación de orquestras», renunciando á planificación de ciclos culturais de nivel, feiras, actuacións de referencia ou obradoiros para a veciñanza.

A principal crítica deste exercicio centrouse na área de Deportes. Segundo advirten os socialistas, o Goberno local aplicou unha severa «tesoirada», decidindo eliminar por completo a programación deportiva do cartel festivo, un xesto que cualifican de «desprezo absoluto» cara ao traballo que desenvolven os clubs do municipio.

Esixencias para o vindeiro mandato

«O Apóstolo en Arteixo debería ser un referente na contorna da Coruña, pero o PP converteuno nun mero trámite sen calidade nin ambición», manifestou Martín Seco. O voceiro socialista incidiu no «despropósito» que supón xestionar a axenda dun concello coa capacidade económica de Arteixo «como se fose unha comisión de festas sen recursos».

Ante este «empeoramento sistemático», o PSOE formalizou un rogo no pleno para esixir a reactivación inmediata das áreas de Cultura e Deportes. O obxectivo da solicitude é forzar ao Goberno municipal a traballar de xeito coordinado para garantir que, no ano 2027, Arteixo recupere unhas festas patronais «completas, plurais e á altura da categoría que merece o municipio».

Comparte éste artículo
No hay comentarios