Lugo rende homenaxe a Fernando Ónega a título póstumo coa súa declaración como Fillo Adoptivo da cidade

O Concello recoñece o legado, o compromiso e a traxectoria do xornalista lucense nun acto que une agradecemento, xustiza e memoria.

«Hai recoñecementos que nacen do corazón dunha cidade, e o tributo que Lugo renderá a Fernando Ónega é un deles«, palabras da alcaldesa Elena Candia. O Concello de Lugo fixo entrega formal do título póstumo de Fillo Adoptivo da cidade ao recoñecido xornalista, nun acto concibido como un exercicio de profundo agradecemento, xustiza e memoria colectiva.

Con este nomeamento, Lugo deixa constancia para sempre do vínculo indisolúbel que mantivo con Fernando Ónega ao longo de toda a súa traxectoria. A Alcaldesa, Elena Candia, salientou que «Ónega levou sempre o nome de Lugo aló onde foi, facendo que a cidadanía se sentise profundamente orgullosa da súa terra e das súas raíces». Neste sentido, engadiu que «o máis valioso dunha cidade son as súas persoas, polo que resulta unha responsabilidade institucional e veciñal coidar o legado de quen sempre se definiu, con orgullo, como lucense».

A homenaxe busca tamén ser un referente para as novas xeracións, para que os máis novos saiban que Lugo lembra e recoñece a aqueles profesionais que, coa súa palabra, o seu traballo rigoroso e o seu compromiso, contribuíron de xeito fundamental á democracia da que hoxe desfrutamos.

Fernando Ónega xa formaba parte inseparable da historia e do sentir de Lugo. Coa concesión deste título de Fillo Adoptivo a título póstumo, a cidade oficializa e sela para sempre este lazo afectivo e de gratitude.

Comparte éste artículo
No hay comentarios