O programa, que se desenvolverá do 20 ao 23 de agosto, incorpora tres bandas da Laracha e amplía as propostas culturais con actividades para todos os públicos.
Caión volverá converterse entre o 20 e o 23 de agosto nun gran escenario aberto coa celebración da sexta edición dos Rueiros da Vila, o festival que cada ano leva a música, a cultura e diferentes propostas de lecer ás rúas, prazas e recunchos da vila. Durante catro días o programa ofrecerá concertos de estilos diversos, actividades infantís, obradoiros, maxia e percorridos pola historia e o patrimonio de Caión, mantendo unha filosofía pensada para todos os públicos e con acceso gratuíto.
O festival foi presentado hoxe na Oficina de Información Turística de Caión polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e Borja Mahoney, en representación de Sincro Audiovisual, empresa responsable da xestión do programa. A presentación serviu para dar a coñecer o cartel que mantén os catro escenarios habituais ao aire libre: Cárcere Vello, Patio, Salseiras e Rueiro das Figueiras.
O lema dos Rueiros da Vila, “Mar, surf, música, historia, tradición, gastronomía”, volve resumir o espírito dun festival que busca integrarse plenamente na identidade de Caión. O alcalde, José Manuel López Varela, salientou que o programa contribúe a proxectar Caión como “faro turístico” non só da Laracha, senón tamén da Costa da Morte, pola súa condición de porta de entrada norte desta comarca. “É un festival que está totalmente consolidado”, afirmou o alcalde, que destacou tamén que cada ano “máis xente se acerca a Caión” para desfrutar das diferentes actuacións.
A programación arrancará o xoves 20 de agosto cunha nova edición dos Roteiros da Vila, un percorrido guiado para coñecer a historia e as tradicións de Caión. Polo serán teremos a primeira actuación con The Majestics.
A música continuará sendo protagonista os seguintes días. O venres pola noite, con Mal Juicio e Bestas. A presenza de ambos grupos forma parte dunha das apostas destacadas desta sexta edición: o reforzo do talento musical local. De feito, tres formacións da Laracha están no cartel deste ano, unha presenza que se mantén desde as primeiras edicións dos Rueiros da Vila pero que este ano cobra especial relevancia. O sábado será a quenda para Delasenda, outra banda larachesa. “É unha oportunidade tamén aos grupos locais de facer a súa presentación, e que mellor que facela no seu propio territorio”, apuntou o alcalde durante a presentación. O sábado tamén actuarán Turbokraks e de Mediarea. E o domingo, o broche final será con Amoebo.
Ademais, tamén haberá espazo reservado para o público infantil e familiar cos Rueiros Pequeniños, que ofertarán o xoves un obradoiro de impresión mediante cianotipia, o venres continuarán co taller de música electrónica Faino Sonar e o domingo 23, co espectáculo de maxia de Marabijoshua.
Para Borja Mahoney, os Rueiros da Vila son xa “un proxecto sólido e maduro” que conta cun público propio. “Caión é o marco perfecto para camiñar, para desconectar”, explicou, destacando que o festival pretende que as persoas que se acheguen á vila poidan descubrir propostas que non necesariamente coñecían previamente e marchen “coa mochila chea”. Nesa filosofía encaixa tamén a distribución dos escenarios e a flexibilidade do programa. O responsable de Sincro Audiovisual puxo ademais o foco na sustentabilidade do evento. Segundo explicou, tras cinco anos de programación, con 69 propostas desenvolvidas en seis escenarios diferentes, o festival apenas xerou “dous sacos e medio de basura”. Mahoney vinculou este dato a un modelo no que non se explotan barras nin se saturan os espazos con marcas comerciais e que está financiado integramente polo Concello. “Por iso digo que se me enche a boca, porque iso si é ser sostible”, afirmou.
A proposta mantén tamén a súa vontade de integrar o público familiar. Mahoney destacou que os horarios están deseñados para facilitar esa convivencia e que o concerto máis tardío comeza ás 22:00 horas.
O Concello anima tanto á veciñanza como ás persoas que visiten a comarca durante esas datas a achegarse a Caión e desfrutar das diferentes propostas. A programación poderá consultarse e seguirse a través dos perfís dos Rueiros da Vila en Facebook, Instagram e YouTube.
Os Rueiros da Vila son promovidos polo Concello da Laracha, xestionados por Sincro Audiovisual e contan coa colaboración da Deputación da Coruña, a Confraría de Pescadores de Caión e o Museo do Arquivo da Pesca.