A asociación Mulleres Salgadas, colectiva que leva anos traballando na visibilización, o recoñecemento e a defensa dos dereitos das mulleres do mar en Galicia, fai un chamamento público á Consellería do Mar para establecer unha canle de comunicación e diálogo fluído e continuado coa administración autonómica.
Desde o seu nacemento, a entidade impulsou numerosas iniciativas de sensibilización, divulgación, participación social e recuperación da memoria histórica das profesionais do sector marítimo-pesqueiro. Un traballo constante que contribuíu de xeito decisivo ao recoñecemento do papel da muller no litoral galego e á construción dunha sociedade máis igualitaria.
Por iso, a asociación lánzalle unha pregunta directa á administración autonómica: Por que, despois de tantos anos de compromiso e traballo demostrado, Mulleres Salgadas segue sen contar cun espazo de interlocución formal coa Consellería do Mar?
A sociedade civil como alicerce das políticas públicas
A colectiva lembra que pedir unha xuntanza de traballo é solicitar algo fundamental nunha democracia: o dereito a ser escoitadas. As entidades que traballan día a día no terreo e coñecen a realidade directa do sector poden achegar experiencia, datos e propostas valiosas para deseñar e mellorar as políticas públicas de igualdade e desenvolvemento socioeconómico.
«A escoita activa e a participación da sociedade civil non deberían ser unha excepción nin un privilexio, senón parte natural duna administración aberta, transparente e comprometida coa cidadanía», destacan desde a directiva da asociación.
Mulleres Salgadas subliña que a igualdade real constrúese a través do diálogo interinstitucional e que a participación do asociacionismo independente fortalece as institucións. As mulleres do mar teñen moito que achegar sobre o seu presente e o seu futuro, merecen ser recibidas e escoitadas polo Goberno galego.
Mentres a Xunta de Galicia mantén un silencio atronador, cómpre manter a alerta máxima. O que a mobilización social e a unidade sen fisuras do sector lograron deter coa loita non vai volver entrar por ningunha porta do atrás.