Segundo a RAG, unha emerxencia é “unha situación sobrevida, de carácter inesperado, que afecta en menor ou maior grao a seguranza das persoas, dos bens ou do medio ambiente”. A situación de partida (danos ocasionados polo porco bravo), hoxe por hoxe, dista moito de ser unha emerxencia pois ao longo dos anos deixou de ser unha situación sobrevida de carácter inesperado para converterse nun feito esperable e recorrente (a declaración de emerxencia é a sexta vez que se aplica tras 2019, 2021, 2023, 2024 e 2025) e pasou de estar restrinxida a uns poucos concellos a abranguer toda a xeografía galega, polo que a declaración de emerxencia cinexética ten demostrado que non é unha solución, senón todo o contrario.
Seis anos despois da primeira ‘emerxencia cinexética’, a Xunta de Galicia segue sen ter datos fiables e contrastados, baseados en estudos rigorosos sobre o tamaño, a estrutura e a dinámica das poboacións de porco bravo: efectivos de cada sexo, número de crías por femia e ano, cohortes de idade, mortaldade natural e non natural. A Xunta de Galicia unicamente manexa unha estimación duns 82.000 exemplares baseada en suposicións e extrapolacións a partires do número de exemplares cazados anualmente. Pero si se acepta esa metodoloxía de estimación cabe concluír que a poboación de porco bravo atópase estable polo menos dende a tempada de caza 2020-21 posto que o número de exemplares cazados mantense con moi poucos cambios no rango de 18.000 a 19.000 individuos. Daquela habería que concluír que o incremento dos danos na agricultura e a sinistralidade viaria NON se deben a un incremento poboacional da especie senón a outras causas, entres as que habería que contemplar o aumento da mobilidade e a dispersión dos porcos bravos provocados polas batidas ou a extensiva destrución de hábitats por mor das vagas de lumes.
A pantasma da peste porcina africana esgrimida como ‘argumento’ pola Xunta de Galicia choca coa realidade epidemiolóxica: os porcos bravos enfermos desprázanse moi pouco polo que o avance da enfermidade de xeito natural é moi lenta dende as zonas do leste de Europa onde é endémica. Todos os ‘saltos’ da enfermidade a longa distancia rexistrados en Europa están directamente vencellados a actividades humanas, incluída a repentina aparición en Barcelona. Daquela está claro que, máis que as poboacións de porco bravo, o que convén controlar son as actividades humanas de risco, entre as que por certo noutros países europeos se ten documentado a translocación involuntaria da peste porcina con motivo de prácticas cinexéticas.
Graves carencias nas Resolucións da Xunta
- NON avalían obxectivamente, en base a datos científico-técnicos, as repercusións das medidas sobre o estado de conservación do medio ambiente galego, e especialmente sobre o funcionamento dos ecosistemas, o estado de conservación dos hábitats de interese comunitario e das especies de flora e fauna silvestre.
- NON valoran nin xustifican as medidas en relación coas repercusións que poderían derivarse sobre outras actividades que se desenvolven no medio rural, tanto produtivas como de lecer e tempo libre, mesmo a seguridade das persoas e os seus bens.
- NON avalían de forma concreta e obxectiva as poboacións de porco bravo, nin os danos reais por depredación doutras especies, cultivos ou sobre a seguridade das persoas. Tampouco se aporta información sobre o continxente poboacional de porcos bravos que se quere diminuír e sobre o que se considera necesario para manter un estado de conservación favorable. Así mesmo non se contempla a existencia de suficientes depredadores naturais do porco bravo, nomeadamente o lobo (Canis lupus), nin as medidas de estrita protección que deberan ter.
- NON contemplan outras propostas ou actuacións tendentes á recuperar os procesos de regulación e equilibrio natural das especies e o funcionamento natural dos ecosistemas.
- NON aseguran o cumprimento de todas as normas de aplicación en vigor (Ley 42/2007 de patrimonio natural e biodiversidade; Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; Lei 13/2013, de caza de Galicia).
- NON respectaron o dereito de información pública, incumprindo a Ley 27/2006, a Directiva 2003/4/CE, a Directiva 2003/35/CEE e o Convenio de Aahrus, en canto afectan á conservación da natureza e á diversidade biolóxica.
- Delegan no colectivo de cazadores a xestión dunha problemática que debera abordar a administración pública cun enfoque global en terreos cinexéticos e non cinexéticos.
Especialmente preocupante é que as Resolucións da Xunta de Galicia autorizan a caza do porco bravo “en man” nos terreos de réxime cinexético especial que o solicitaran no seu correspondente plan anual de aproveitamento cinexético.
É dicir, neses TECORES os vindeiros 365 días calquera cazador armado cun rifle poderá dispararlle con bala a un porco bravo que se lle cruce no camiño, co conseguinte risco para a seguridade das persoas que, por motivos laborais ou lúdicos, transiten polo medio natural ante a imposibilidade de coñecer que se atopan no radio de alcance das balas dun número indeterminado de cazadores situados en lugares descoñecidos.
Esta autorización é unha incrible e gravísima irresponsabilidade que debería corrixirse á maior brevidade.

Non é, nin moito menos, o único sinal de tráfico en Galicia acribillado por perdigóns e por balas!
En resume
A Xunta de Galicia non aporta datos contrastados que avalen a existencia dunha emerxencia cinexética, pois trátase dunha situación repetida ao longo dos últimos anos. A realidade demostra que as declaracións de emerxencia cinexética (6 nos últimos sete anos) non resolven a situación e polo tanto non son a solución.
Por outra banda, a Xunta de Galicia non someteu a súa decisión a información pública da cidadanía en xeral – que se vai ver afectada, o queira ou non, por estas resolucións – e pretende eludir a súa propia responsabilidade, “delegando” noutros colectivos a xestión dunha problemática que é moito máis ampla que a simple “eliminación” de “exemplares sobrantes”.
Peticións de SGHN á Xunta
- Que se anulen as Resolucións de declaración de emerxencia cinexética da D.X. de Patrimonio Natural e os seus Servicios Provinciais.
- Que se derrogue o artigo 12 da Lei 7/2019 (DOG 27/12/2019) que modificou o artigo 72.1 da Lei 13/2013 autorizando a caza do porco bravo “en man e ao salto”.
- Que se aborde a situación de xeito interdisciplinar mediante:
- A análise dos datos dispoñibles de capturas nos períodos hábiles de caza.
- A revisión da adecuación dos plans anuais de aproveitamento cinexético.
- A avaliación dos resultados das capturas durante as emerxencias cinexéticas declaradas en anos anteriores.
- A identificación das necesidades dos distintos sectores económicos e mesmo dos espazos afectados polos danos (incluíndo os Parques Naturais).
- A valoración das medidas a adoptar nos puntos negros das estradas. Solicitar a colaboración da Dirección General de Tráfico para que aporte a súa valoración entre accidentes de tráfico e batidas de caza.
- A información pública previa das medidas que se propoñan.
- A imprescindible colaboración cidadá nas contornas urbanas e periurbanas para erradicar comportamentos de risco ou que agraven o problema ao incrementar o alimento dispoñible, sexa de xeito deliberado ou inconsciente (lixo).
- As medidas necesarias para garantir a conservación do lobo polo seu papel fundamental e imprescindible no control natural das poboacións de porco bravo.
- Que se definan e adopten outras medidas e accións máis globais e eficaces que transcendan máis alá do control cinexético das poboacións de porco bravo a través das distintas modalidades e procedementos de captura.