O concerto do grupo de Antas de Ulla terá lugar ás 20:00 horas, e dará continuidade As mañás en Nugallás, un amplo programa cultural impulsado pola Deputación este verán para dinamizar este espazo situado no centro xeográfico galego.
Descubre más novedades musicales como ésta
O Parque Central de Galicia en Nugallás será este sábado, 5 de setembro escenario da presentación do novo Vinilo-CD de Zoelas, resultado físico do proxecto Des(a)fiada. O grupo de Antas de Ulla elixiu este enclave, situado na súa propia terra de orixe, para presentar un álbum que reúne sete novos temas arredor da memoria colectiva.
Despois de dous anos compartindo a versión escénica en directo de Des(a)fiada, Zoelas presenta agora o resultado do rexistro en estudio, trasladando ao formato discográfico un proxecto que nace coa vontade de lembrar para non esquecer e de recuperar historias, vivencias e elementos dunha memoria colectiva vinculada ao territorio.
A presentación en Antas de Ulla ten así un significado especial para a formación, que regresa á terra que viu nacer a Zoelas para dar a coñecer o seu novo traballo. O Parque Central de Galicia, recentemente inaugurado pola Deputación de Lugo, ofrece neste sentido un escenario singular para unha proposta estreitamente ligada á identidade e á memoria do territorio.
O concerto terá lugar ás 20:00 horas, e dará continuidade á actividade cultural desenvolvida durante este verán no Parque Central a través de As mañás en Nugallás, un amplo programa impulsado pola institución provincial durante os meses de xullo e agosto, e que acolleu obradoiros de natureza, educación ambiental e oficios tradicionais, ademais de espectáculos de música, teatro e narración oral para todos os públicos.
A programación permitiu dinamizar este novo espazo desde a súa recente apertura e achegar á cidadanía diferentes propostas culturais e de lecer, contribuíndo a consolidar o Parque Central de Galicia como un novo punto de encontro no centro xeográfico galego.