Aberta a nova edición do programa  Incrúst@te, que permitirá ao estudantado galego coñecer a investigación de primeira man

Máis de 400 estudantes visitarán os laboratorios do centro durante este curso, dos cales se seleccionarán 20 para realizar unha estadía cos grupos de investigación.

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña lanzou esta semana unha nova convocatoria de “Incrúst@te: qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, un programa de divulgación pioneiro en Galicia, desenvolvido en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, que permite a estudantado de secundaria, bacharelato e formación profesional “incrustarse” nun laboratorio de investigación, deseñar o seu propio experimento e presentar resultados nun congreso científico, seguindo unha dinámica similar á do ámbito universitario. 

A convocatoria permanecerá aberta dende o 2 ao 30 de setembro de 2026, a través dun formulario dispoñible na web do CICA (https://cica.udc.gal/landing/incrustate/). 

Unha oportunidade única para mergullarse na realidade dun laboratorio

Nas sete edicións anteriores, centos de estudantes de toda Galicia puideron vivir a experiencia de traballar man a man co persoal investigador en áreas punteiras como a biomedicina, a química, a biotecnoloxía e as ciencias ambientais. 

Debido ao éxito das últimas convocatorias, Incrústate 2026-27 recibirá a máis de 400 estudantes na primeira fase de visitas e seleccionará a 20 deles para as estadías en laboratorios, onde poderán desenvolver os seus propios experimentos durante tres días. 

Moitos participantes de anos pasados destacan que “ver a ciencia desde dentro cambia a túa maneira de entendela” e lembran entre os momentos máis destacados da experiencia entrar por primeira vez nun laboratorio real, formular hipóteses, experimentar con técnicas innovadoras, e, sobre todo, defender os resultados nun congreso científico celebrado na Domus da Coruña, reproducindo a dinámica habitual dun congreso científico profesional. 

Nova edición Incrúst@te 

Como novidade nesta VIII edición, Incrúst@te ampliará tamén a participación ao profesorado dos centros educativos. Dous docentes poderán participar nas estadías nos laboratorios xunto co alumnado, coñecendo de primeira man os experimentos e as dinámicas de traballo do persoal investigador. O obxectivo é que esta experiencia poida trasladarse posteriormente ás aulas, adaptando os experimentos ao contexto educativo e achegando a realidade da investigación científica a un maior número de estudantes.

A selección de centros realizarase por orde de chegada das solicitudes que envíe o profesorado de cursos de 3º e 4º da ESO, 1º de BACH e FP.

Ademais, valoraranse especialmente as solicitudes procedentes de centros situados en zonas rurais, co obxectivo de favorecer a diversidade territorial e educativa e facilitar o acceso ao programa ao alumnado con menos oportunidades. Así mesmo, reservarase algunha das prazas das estadías para estudantes con discapacidade, reforzando o compromiso do programa coa inclusión e a igualdade de oportunidades.

O programa desenvolverase ao longo do curso 2026-27 en diferentes fases:

  • 1ª fase: visitas de centros ao CICA e selección de estudantes entre outubro e decembro de 2026
  • 2ª fase: estadías curtas en laboratorios de xaneiro a marzo de 2027 
  • 3ª fase: Congreso Incrústate que se celebrará en abril de 2027 
  • 4ª fase: estadías longas en grupos de investigación para o alumnado finalista – abril e xuño de 2027

Incrústate é unha iniciativa activa dende 2017, que ten como obxectivo achegar a ciencia á mocidade e fomentar as vocacións científicas, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve nun centro de investigación. O programa tamén busca dar a coñecer as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, dar visibilidade o labor do persoal investigador e poñer en valor o papel das mulleres na ciencia.

Desde a súa posta en marcha, máis de 1.700 estudantes participaron nas diferentes edicións do programa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios