O Concello da Laracha licita tres proxectos de mellora da rede viaria por un importe conxunto de 319.000 euros

As actuacións, que se financiarán integramente con fondos propios municipais, permitirán mellorar a superficie de rodadura en estradas de Vilaño e Soandres.

O Concello licitou hoxe tres novos proxectos de mellora da rede viaria municipal por un importe conxunto de 319.000 euros a financiar integramente con fondos propios municipais.

Os traballos afectarán aos núcleos de Vilanova, Fornelos e Fragunde, así como á estrada que comunica Marfulo con A Piña, todos eles na parroquia de Vilaño, e a vías que discorren por Vista Alegre e A Millarada, na parroquia de Soandres.

As actuacións contempladas teñen por finalidade mellorar a superficie de rodadura das estradsa afectadas co propósito de facilitar a circulación e contribuír a incrementar a seguridade viaria.

A documentación correspondente aos tres procedementos está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 28 de setembro.

Con estas actuacións o Concello continúa avanzando na mellora e conservación da rede viaria municipal, destinando recursos propios a actuacións que contribúen a facilitar as comunicacións entre todos os núcleos de poboación do termo municipal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios