Lugo xa ten os carteis para o San Froilán e o San Froilán Miúdo 2026

O xurado encargado de seleccionar os carteis anunciadores do San Froilán e do San Froilán Miúdo 2026 reuniuse esta mañá no Concello de Lugo e acordou seleccionar como propostas gañadoras as presentadas por Alfredo León Mañu e Irene Huéscar Villapún, respectivamente.

Estes deseños serán a imaxe que acompañará a difusión das festas patronais de Lugo, que se celebrarán do 4 ao 12 de outubro.

O concurso tiña como obxectivo seleccionar un deseño que contribuíse a ensalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais. As obras foron valoradas de acordo cos criterios establecidos nas bases da convocatoria, entre eles o deseño e a composición estética, a orixinalidade, a creatividade e a calidade técnica.

O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, felicitou as persoas gañadoras e agradeceu a participación de todas as que presentaron as súas propostas.

“O San Froilán é unha festa de todos os lucenses e queremos que tamén o sexa a súa imaxe. Por iso apostamos por un proceso aberto, no que calquera persoa que cumpra as bases poida presentar a súa proposta e competir en igualdade de condicións. As festas non son patrimonio de ningún partido nin de ningún goberno, son de Lugo e dos lucenses. Nós imos seguir traballando para que o San Froilán saia adiante, para que Lugo o viva e para que cada ano máis xente queira vir gozar das nosas festas”.

Un xurado con experiencia no ámbito artístico e cultural

O xurado estivo formado por persoas con experiencia acreditada e coñecementos vinculados ás artes plásticas, á ilustración, ao deseño gráfico e ao ámbito cultural.

Lomarti, Juan José López Martínez, é un artista multidisciplinar e referente da creación artística galega. A súa traxectoria abrangue diferentes disciplinas, entre elas a escultura, a pintura, a fotografía e o deseño gráfico.

Lucila Yáñez Anlló é historiadora da arte e investigadora vinculada ao Museo Provincial de Lugo, cunha traxectoria relacionada co estudo e a divulgación do patrimonio e da creación artística.

Xoán Guerreiro Vázquez desenvolve a súa actividade no ámbito da ilustración e da creación gráfica. Entre os seus traballos figuran ilustracións de obras literarias e deseño de portadas discográficas. Foi finalista do concurso de ilustración de libros de contos de Espasa-Calpe, primeiro premio de pintura LugoNova e seleccionado en tres edicións da Mostra Unión Fenosa.

Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo, é artista plástico e profesor da Escola de Artes Aplicadas de Lugo. A súa traxectoria artística foi obxecto dunha exposición e dun catálogo monográfico no Museo Provincial de Lugo.

A composición do xurado responde á vontade de contar con persoas con coñecementos e experiencia na creación e de garantir a independencia e imparcialidade na valoración das propostas, dentro das condicións establecidas nas bases da convocatoria.

Cartel do San Froilán 2026

A proposta gañadora Imaxinario festivo presenta unha composición simétrica e minimalista na que diferentes elementos asociados ao San Froilán aparecen integrados nunha mesma linguaxe gráfica.

O polbo, as tesoiras, o aceite, a música, a pandeireta ou o carrusel forman parte dunha composición na que o autor emprega unha paleta reducida de cores e busca unha lectura sinxela e recoñecible dos distintos elementos das festas.

Alfredo León Mañú conta cunha ampla traxectoria profesional de máis de 25 anos no ámbito do deseño gráfico e ten participado en numerosos concursos e proxectos de creación gráfica. Conta con máis de 180 premios en diferentes concursos entre os que figura o cartel de San Froilán 2022.

San Froilán Miúdo
O xurado tamén seleccionou o cartel anunciador do San Froilán Miúdo 2026 entre as dez propostas presentadas ao concurso.

A obra gañadora, titulada O polbo da feira, foi realizada por Irene Huéscar Villapún, estudante lucense de 1º da ESO e alumna de trompeta, toca na Banda Filarmónica e en Claustro Música. A súa formación en artes plásticas é autodidacta.

A proposta incorpora como elemento central un dos elementos máis característicos das festas, o polbo, e mediante un orixinal xogo creativo os transforma noutra icona do San Froilán, as atraccións do feiral. Este deseño será o encargada de acompañar a difusión das actividades do San Froilán Miúdo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios