Besteiro acusa a Feijóo e a Rueda de «alimentar todo o verán» a ofensiva que deixa sen voto aos netos da emigración

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, expresou hoxe a súa profunda disconformidade coa resolución do Tribunal Supremo que suspende, de xeito cautelar, a inscrición no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) das persoas que accederon á nacionalidade española a través da Lei de Memoria Democrática, coñecida como Lei de Netos.

«Discrepamos dunha resolución que, de feito, crea a categoría de cidadáns españois sen dereito a voto«, afirmou o líder socialista, quen subliñou que a emigración galega «está hoxe absolutamente decepcionada e doída» por unha decisión que atenta contra os dereitos dos seus descendentes. «Estamos ante unha aspiración que todos os emigrantes comparten e ante unha decisión xudicial que lles toca unha seguridade que crían gañada. Non a entenden, e teñen motivos para non entendela», engadiu.

«A responsabilidade de Feijóo e de Rueda é indiscutible»

Besteiro foi rotundo á hora de sinalar os responsables políticos desta situación. «Hoxe é unha xornada triste para a emigración, e a responsabilidade de Feijóo e de Rueda é indiscutible: alimentaron isto durante todo o verán», aseverou.

Neste sentido, o portavoz socialista lembrou a cronoloxía do ataque do PP aos dereitos do colectivo no exterior:

  1. A finais de xuño: Alberto Núñez Feijóo abriu a ofensiva acusando ao Goberno de «alterar o censo» e ameazando con derrogar a Lei de Memoria Democrática.
  2. A celeridade da Xunta: Alfonso Rueda secundou a estratexia ao día seguinte esixindo unha «conexión real» con España que non figura en ningunha lexislación.
  3. Sintonía coa ultradereita: En xullo, o PP trasladou ao Ministerio de Xustiza unha petición para frear o censo case idéntica á xa presentada por Vox.

«Sementaron a sospeita sobre dereitos que xa estaban recoñecidos, e estas son as consecuencias», sostivo Besteiro, quen tamén lle reprochou a Feijóo a súa reacción tralo auto do Supremo: «Que celebre hoxe cun ‘tiñamos razón’ que haxa miles de galegos do exterior sen poder votar di todo do moito que lle importa a emigración. Iso non é ter razón, é ter unha débeda coa diáspora que non vai poder pagar nin en Bos Aires nin en Montevideo».

Reparación histórica e viaxe recente á América do Sur

O líder do PSdeG lembrou que hai apenas mes e medio percorreu Arxentina e Uruguai, onde se reuniu coa colectividade galega no Centro Betanzos e no Centro Galicia de Bos Aires, así como con entidades e familias en Montevideo.

«Díxenllelo alí e repítoo hoxe aquí: nin un paso atrás. Estes dereitos non son unha concesión nin un privilexio, son unha reparación histórica», remarcou.

«Acatamos, pero non imos deixar de defender a emigración»

Respecto ao percorrido xudicial, Besteiro salientou que se trata dunha medida cautelar e non dunha sentenza definitiva, e lembrou que tanto a Avogacía do Estado como a Fiscalía defenderon ante o Alto Tribunal o dereito fundamental ao voto destas persoas. «Queda proceso por diante e imos estar aí, como estivemos sempre», incidiu.

A decisión da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo estimou as medidas cautelares solicitadas pola ultradereita de Vox e a plataforma Iustitia Europa contra o acordo adoptado en xullo pola Xunta Electoral Central (XEC). Aínda que o auto non retira a nacionalidade a ningunha persoa, deixa en suspenso a súa incorporación ao censo electoral mentres non haxa sentenza firme —agás para quen acredite documentalmente ser fillo ou neto directo de exiliados—.

Comparte éste artículo
No hay comentarios