O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves a aprobación do expediente de contratación para o deseño e produción das carrozas municipais da Cabalgata de Reis, cun orzamento de 113.000 euros. Este ano, a temática do evento xirará arredor do “Bosque, a natureza e a maxia”.
A Xunta de Goberno Local tamén dará luz verde este venres á contratación da produción técnica e dos servizos auxiliares de soporte para os actos de benvida dos Reis Magos, por un importe de 120.817 euros. O rexedor sinalou que o municipio volverá contar nesta edición con dúas modalidades de cabalgata: estática e móbil.
Entre os acordos adoptados atópase así mesmo a contratación do alugueiro, instalación e mantemento da megafonía de Nadal para os períodos 2026-2027 e 2027-2028, por un total de 158.200 euros.