O VIII Premio Luísa Villalta recoñece sete proxectos sociais e culturais pola igualdade

“Os proxectos escollidos contribúen ao avance social na igualdade de xénero, verdadeira necesidade cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática”, destacou a deputada Sol Agra.

O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. O certame terá unha contía final de 82 787 euros, a repartir entre as sete propostas.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu o xurado, que tivo como secretaria a Eva Ovenza, xefa da sección de Igualdade e Dereitos Civís, e como vogais a Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, Lucía Canoura Sánchez e Jose Alberto Rodriguez Bello .

“Estes premios”, destacou Agra, “serven para promover e apoiar economicamente a persoas que desenvolven proxectos que contribúen ao avance social na igualdade de xénero, motor de transformacións e verdadeira necesidade cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática”. “Ademais”, engadiu, “axudan a divulgar a obra e a figura de Luísa Villalta, que merece todo o recoñecemento polo seu activismo e compromiso social coa transversalidade e o enfoque de xénero na súa escrita”.

Proxectos transformadores

As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.

A valoración do xurado tivo en conta o interese dos proxectos para a promoción da igualdade de xénero, o seu impacto social na provincia, a metodoloxía, as persoas beneficiarias e a coordinación, así como as medidas de accesibilidade universal, innovación e sostibilidade.

MODALIDADE A, a proxectos sociais.

  • “Comuneiras: o voso monte, o noso mañá. O papel das mulleres nos montes veciñais da provincia de A Coruña”, de María Lara Barros Alfaro. Recibe 12 500 euros. O xurado salienta o interese da iniciativa por analizar un ámbito tradicionalmente masculinizado como son as comunidades de montes veciñais en man común, así coma a súa aposta por identificar boas prácticas que favorezan a participación activa das mulleres nos órganos de decisión.
  • “Non as vin, pero sentinas. Laboratorio cidadán para a memoria das mulleres disidentes”, de Rexenerando S. Coop. Galega. Recibe 12 500 euros. A proposta destaca pola recuperación da memoria histórica de mulleres e identidades disidentes desde unha perspectiva feminista e interseccional, mediante ferramentas de etnografía feminista e investigación-acción participativa, así como polas súas alianzas co tecido asociativo.
  • “De dentro cara a fóra: as mulleres migrantes no centro penitenciario de Teixeiro”, de Maitane Vicente Mariño. Recibe 11 979 euros. O proxecto propón unha intervención coas mulleres migrantes presas no Centro Penitenciario de Teixeiro para dar visibilidade ás discriminacións derivadas do xénero, da orixe e da privación de liberdade.

MODALIDADE B, a proxectos culturais.

  • “As ben dadas, os camiños nas marxes”, de Atenea Fernández García. Recibe 12 500 euros. O xurado valora especialmente a súa contribución á visibilización da diversidade sexual e da memoria LGTBIQA+ na provincia da Coruña, así coma a recuperación da memoria oral das disidencias sexuais e a súa transformación nunha peza de narración oral e en espazos de encontro comunitario.
  • “Circe e Calipso: sementes feministas, libros que florecen”, de Raquel Senra Fernández-Árbore azul. Recibe 12 500 euros. A iniciativa combina a recuperación da memoria histórica feminista, coa tradución ao galego e edición da obra “Terra delas”, de Charlotte Perkins Gilman, cunha proposta cultural e interdisciplinar arredor do libro.
  • “Coidados sen coidado”, da Asociación de Movilidad Humana para la Colaboración y el Desarrollo. Recibe 12 500 euros. O proxecto aborda a precarización e invisibilización das mulleres migrantes vinculadas ao sector do fogar e dos coidados desde unha perspectiva interseccional, decolonial e antirracista, situándoas como axentes activas na creación dun relato audiovisual comunitario e reivindicativo.
  • “Acotío: muller, arte e diversidade”, da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional. Recibe 8 308 euros. A proposta incorpora unha perspectiva interseccional centrada nas mulleres con discapacidade, con especial atención á accesibilidade universal, á toma de decisións artísticas e persoais, á vida independente e á eliminación de estereotipos de xénero.
Comparte éste artículo
No hay comentarios