A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, anunciou a presentación d’iniciativas no Concello, na Deputación e no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta a apertura da terceira unidade de educación infantil no CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte, así como máis recursos de apoio.
A polémica xorde tras reducirse a oferta de tres a dúas aulas de infantil para este curso 2026/2027. O centro conta con 27 nenos matriculados, pero ao computar un alumno con necesidades específicas por tres, a cifra organizativa ascende a 29. Ante o malestar e as mobilizacións das familias, a Consellería rexeitou o desdobramento e limitouse a anunciar un especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT) para atender tanto infantil como primaria, unha medida que os socialistas cualifican de «claramente insuficiente».
Lara Méndez criticou a «enorme distancia entre o discurso do PP e a realidade das aulas galegas», sinalando que a retallada afecta á calidade educativa de todo o alumnado. Pola súa banda, a secretaria xeral do PSdeG local, Susana Ferreiro, censurou que o alcalde de Begonte recomendase desconvocar as protestas en lugar de «encabezar a defensa do colexio» ante a Xunta.