Formoso reclama consenso para reformar o financiamento municipal e advirte da situación “ao límite” de moitos concellos galegos

Sinala que o Plan Único da Deputación da Coruña superará este ano os 170 millóns de euros de investimento nos 93 concellos da provincia, máis de 30 millóns por riba dos fondos directos que a Xunta destina a todos os concellos de Galicia.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reclamou hoxe diálogo e consenso para abordar a reforma do financiamento municipal e advertiu de que moitos concellos galegos se atopan nunha situación económica “ao límite” pola insuficiencia dos recursos que reciben e pola asunción continuada de novas competencias sen o correspondente financiamento.

Formoso inaugurou no Pazo de Mariñán, xunto co director de IDEAGOV, Santiago Lago Peñas, o encontro IDEAGOV-LOCAL 2026, no que ao longo da xornada participarán destacados expertos e responsables institucionais como Francisco Caamaño, Xoaquín Fernández Leiceaga, o exreitor da Universidade de Santiago de Compostela Antonio López, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e Eva Nieto, da Universidade de Castilla-La Mancha.

A xornada, organizada por IDEAGOV co patrocinio da Deputación da Coruña, reúne representantes institucionais, responsables municipais e especialistas en financiamento territorial para analizar a participación dos concellos nos ingresos autonómicos e a futura Lei de Administración Local de Galicia.

O presidente provincial defendeu que unha norma estruturante para o municipalismo galego debe partir “como mínimo dunha reflexión conxunta” e, idealmente, dun amplo acordo político e institucional. “A continuidade dunha lei depende do grao de consenso co que nace”, afirmou Formoso, que considerou necesario incorporar unha visión sobre as distintas realidades dos 313 concellos galegos.

Neste sentido, lembrou que as necesidades dos municipios urbanos e metropolitanos non son as mesmas que as dos concellos rurais, nin tampouco son iguais as realidades do interior e da costa. “Falamos de realidades administrativas, económicas e demográficas moi distintas, pero coa mesma aspiración: ofrecer unha calidade de vida óptima e garantir un futuro o máis claro posible para a cidadanía”, sinalou.

Formoso criticou que as deputacións e os concellos non participasen desde o inicio na elaboración do borrador da nova Lei de Administración Local de Galicia. Aínda así, asegurou que a Deputación mantén unha posición construtiva e ofreceu á Xunta de Galicia “negociación, intercambio de pareceres e a posibilidade de poñer sobre a mesa as cuestións da lei que nos preocupan”.

“O que queremos é un modelo de financiamento realista, sostible e respectuoso coa autonomía das institucións que teñen que facer fronte, exercicio tras exercicio, á prestación dos servizos públicos”, afirmou. Formoso confirmou que xa se iniciou un diálogo coa Consellería de Presidencia, aínda que advertiu de que polo momento este contacto non se traduciu en avances concretos.

Máis de 170 millóns para os 93 concellos da provincia

O presidente puxo como exemplo do insuficiente financiamento autonómico a evolución do Plan Único da Deputación da Coruña. Explicou que cando chegou ao goberno provincial, hai case doce anos, este instrumento estaba dotado con 24,5 millóns de euros, mentres que en 2026 superará os 170 millóns destinados aos 93 concellos da provincia.

“É moi preocupante que a achega directa da Deputación da Coruña aos 93 concellos da provincia supere en máis de 30 millóns de euros os fondos que a Xunta de Galicia destina, a través do seu instrumento de cooperación local, aos 313 concellos galegos”, advertiu Formoso.

O presidente provincial contrapuxo tamén o forte crecemento do Plan Único co estancamento do Fondo Galego de Cooperación Local, que, segundo sinalou, permanece “practicamente conxelado desde hai moitos anos”. Para Formoso, estes datos evidencian a necesidade de reforzar a participación dos municipios nos ingresos autonómicos e de abordar a nova lei desde a realidade financeira dos concellos.

Tamén alertou de que as entidades locais asumen cada vez máis competencias derivadas de decisións autonómicas e estatais sen recibir os recursos necesarios para exercelas. “Non se poden seguir trasladando obrigas aos concellos sen unha memoria económica paralela porque iso leva a que moitas administracións locais estean xa nunha situación financeira ao límite”, afirmou.

Formoso reclamou que o debate sobre o financiamento autonómico que se está producindo no ámbito estatal incorpore tamén unha reflexión específica sobre os recursos que Galicia destina aos seus concellos. “É necesario mellorar o financiamento local desde o Estado, pero tamén abordar de maneira urxente un novo modelo desde o ámbito autonómico”, sostivo.

O presidente concluíu apelando ao “sentidiño” e á vontade de acordo para construír “un modelo o máis xusto e sostible posible para o futuro” que dea resposta ás necesidades das 313 realidades municipais existentes en Galicia.

Un espazo para pensar e buscar solucións

Formoso destacou tamén a colaboración da Deputación con IDEAGOV como unha aposta pola reflexión, a innovación e a procura de solucións compartidas entre os diferentes niveis da Administración. “Necesitamos tempo para pensar, revisar e planificar, algo difícil nunhas administracións absorbidas polos trámites do día a día”, explicou.

O presidente subliñou a importancia de crear “nexos de unión limpos” entre institucións, universidade e sociedade para analizar os problemas da gobernanza e deseñar mecanismos que permitan mellorar os servizos públicos. “A Deputación non quere limitarse a sobrevivir administrativa e politicamente: quere innovar, achegar propostas e contribuír ao progreso da sociedade”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios