O PP denuncia que “unha nova sentenza volve deixar en evidencia que  PSOE e BNG na Deputación so traballan para paralizar a provincia”

Ameijide cre que “PSOE e BNG son un lastre para a provincia” e reclama ao goberno provincial que “deixe de confrontar e exerza as competencias que lle corresponden en materia de cooperación con todos os Concellos en lugar de estar continuamente tramando estratexias para poñer paos nas rodas aos demais.

O portavoz do Grupo Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, advirte dun “novo revés xudicial” para o goberno de PSOE e BNG. Neste caso, unha resolución para desbloquear a titularidade da Torre de Caldaloba, en Cospeito, a favor da Xunta de Galicia que permitirá desbloquear a súa situación para a recuperación deste Ben de Interese Cultural (BIC).

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, considera que “este fallo é unha demostración máis de que o único que quere a Deputación é paralizar a provincia. PSOE e BNG poñen os seus caprichos políticos por diante dos intereses dos lucenses”, incide.
Para o popular, o caso de Caldaloba evidencia “ata que punto unha confrontación política entre administracións pode acabar prexudicando aos veciños e impedindo que se desenvolvan proxectos que deberían estar centrados exclusivamente na recuperación e posta en valor do noso patrimonio”.
O Concello xa era propietario dunha metade e tiña previsto continuar desenvolvendo o plan contemplado no convenio asinado coa Xunta en xuño de 2022. Coa compra da outra metade por parte da Deputación de Lugo o plan paralizouse ata que a Xustiza outorgou a titularidade da outra metade á Xunta de Galicia que a cederá ao Concello. Ameijide afea que “PSOE e BNG leven preto de 5 anos boicoteando un proxecto en Cospeito e que teña que ser un xulgado o que aparte á Deputación -porque se negou a chegar a un acordo previo- para poder continuar coa recuperación da Torre da Caldaloba”.
Para o popular, “non é normal que un proxecto de recuperación dun elemento patrimonial tan importante para a Terra Chá se vexa condicionado durante anos por unha confrontación política”. Así, reclama ao goberno de PSOE e BNG que “pida desculpas aos veciños de Cospeito e de toda a comarca da Terra Chá polo tempo perdido”.
“Os veciños queren que os proxectos avancen, que se poña en valor o patrimonio e que as administracións cooperen. O que non necesitan son guerras políticas nin unha Deputación que poña paus nas rodas”, sinala Ameijide.
A CUARTA RESOLUCIÓN EN CONTRA DA DEPUTACIÓN NESTE 2026
O popular lembra que o caso de Caldaloba se suma a outras resolucións xudiciais coñecidas durante este ano que afectan á xestión da Deputación.
O Tribunal Supremo declarou nulas as actuacións relacionadas coa adquisición dunha acción de Tragsa e as posteriores encomendas de xestión, o que obrigou á Deputación a readmitir aos 16 traballadores de Suplusa que enviara a Tragsa.
O TSXG condenou á Deputación á apertura e posta en funcionamento inmediato da residencia e centro de día de Becerreá, dando a razón ao Concello na reclamación do cumprimento do convenio e dando por probada a “inactividade” do goberno provincial.
E, máis recentemente, a Xustiza anulaba a sanción de 25.000 euros imposta pola Deputación ao Concello de Ribadeo por realizar labores de desbroce na rede viaria provincial, tendo en conta que o Concello actuara ante un risco para a seguridade dos usuarios e despois da falta de resposta da institución provincial.
Para Ameijide, “son demasiados revés xudiciais nun mesmo ano como para que PSOE e BNG sigan gobernando dende o sectarismo político”.
O portavoz popular conclúe que “PSOE e BNG son un lastre para a provincia, un pau nas rodas para os avances da provincia de Lugo” e reclama ao goberno provincial que “deixe de confrontar e comece a exercer as competencias que lle corresponden en materia de cooperación con todos os Concellos para que os proxectos que necesita a provincia poidan avanzar”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios