O Ucoga Seguros, 1o rival nunha das ligas máis esixentes dos últimos tempos.
Rematou a espera. Logo de case seis meses do remate da liga 25/26 e do pequeno aperitivo que supuxo a Copa Galicia, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos comeza esta fin de semana a temporada 26/27 da Terceira FEB (antiga liga EBA) coa visita a todo un clásico da categoría: o Ucoga Seguros Chantada.
Comeza así unha competición marcada polos desprazamentos fóra de Galicia (León, Salamanca e Carbajosa de La Sagrada, Oviedo, Mieres e Gijón) con dous auténticos transatlánticos, o Marín Peixe Galego e o Okticket Círculo Gijón, buscando os primeiros postos e un bo número de conxuntos completamente reforzados. Un destes últimos casos é o do primeiro rival dos betanceiros, o Ucoga Seguros, un conxunto practicamente novo, a salvo a participación do seu capitán, Cristian Iglesias, e dos xogadores Alain Vázquez, Mario Rodríguez e Jaime Nieto.
O último enfrontamento entre ambos os dous equipos, na xornada de hai dúas semanas da Copa Galicia, e que rematou coa vitoria betanceira tras dúas prórrogas, pouco pode anticipar de como vai ser o partido, xa que daquela os lucenses non aliñaron nin ao seu veterano capitán, nin a dúas das súas últimas fichaxes: o polaco Olgierd Kobiak e o portugués Vanilson Madim Silva.
Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador dos betanceiros: “O encontro de Chantada preséntase complicado polas baixas por lesión que sufrimos durante a pretemporada. O rival é un equipo que na súa casa controla moi ben o ritmo dos partidos. Incorporaron moitos xogadores á plantilla esta temporada. Nós vamos con moitas ganar de comezar ben a liga e, se somos quen de impor o noso xogo, creo que podemos gañar”.
O partido terá lugar o sábado, ás 18.30h, no Municipal de Chantada.
Nutrida xornada de canteira
Á espera de que comecen as competicións que aínda non o fixeron, o resto da xornada do club contempla varios partidos de canteira entre os que sen dúbida destaca o que vai xogar o Warnier Informática de Primeira Infantil
1
Feminina contra o Ensino Lugo na cidade das murallas (domingo 17h). Completan a axenda os partidos dos júnior masculino e feminino (fronte a Costa Ártabra o domingo ás 19h en Ferrol e contra Basquet Coruña U17 no Ventorrillo o sábado ás 10h, respectivamente), o do cadete feminino de Decornaveira contra Básquet Coruña nas Mariñas (sábado 16h) e o dos infantís masculino en Carballo, contra Xiria, o sábado ás 10 da mañá.