Tres anos sen carbón: menos emisións, máis eficiencia, máis xustiza social e máis soberanía enerxética

A plataforma reclama máis aforro, máis almacenamento e produción eléctrica renovábel e máis electrificación para substituír tamén o gas fósil e o petróleo.

O 4 de outubro de 2023 apagouse para sempre a central térmica de carbón das Pontes. Púxose fin así no noso país á produción eléctrica con carbón, que tan só cinco anos atrás representaba un terzo da total. Tres anos despois podemos comprobar o enorme impacto positivo do abandono do carbón para a redución das emisións de gases causantes de cambio climático e para a transición ecolóxica en xeral.

En materia de enerxía e clima, hai un antes e despois do peche das centrais de carbón de Meirama (2020) e As Pontes (2023). É o que documenta o informe “O adeus ao carbón en Galicia”, elaborado por Galiza sen gas, plataforma creada en 2023 a partir de Galiza sen carbón.

O declive final da produción eléctrica con carbón é, de lonxe, a causa principal do descenso sen precedentes do 42,7% (-12.351.479 toneladas) nas emisións brutas galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático rexistrada entre 2018 e 2024, ano máis recente con datos oficiais. Non será posíbel nunca máis recortalas de xeito tan permanente e tan cuantioso nun período de tempo tan reducido. 

O liderado galego a nivel español na diminución das emisións de gases invernadoiro, do que presume a Xunta, susténtase no peche das térmicas de carbón, o que nunca menciona a Consellería de Medio Ambiente. Nada sorprendente se lembramos que a Xunta, co apoio da actual oposición parlamentaria galega, opúxose ao fin do carbón.

Deixar atrás o carbón implicou tamén unha caída brutal no factor de emisión de dióxido de carbono (CO2) –o principal gas de invernadoiro– da electricidade producida en Galicia.  Caeu de 0,37 t/MWh (370 g/kWh) en 2018 a 0,06 t/MWh (60 g/kWh) en 2024, un 84% menos en apenas seis anos. Isto significa que, para unha mesma cantidade de electricidade consumida, as emisións de CO2 asociadas reducíronse a menos dun quinto en poucos anos. 

Antes de abandonar o carbón, e a pesar da relativamente elevada produción eléctrica renovábel, o factor de emisión de CO2 da electricidade en Galicia era similar á media europea, polo importante peso do carbón, moi intensivo en emisións de CO2. En troques, agora é das máis baixas de Europa. Os beneficios potenciais para o clima de substituírmos o consumo de produtos petrolíferos e de gas fósil por electricidade multiplicáronse. O aumento da electrificación do consumo enerxético é hoxe aínda máis prioritaria para a acción climática.

O peche das térmicas de carbón non só nos deixou un sistema enerxético (e non nos referimos só á electricidade) moito menos contaminante senón tamén máis eficiente. Iso é así porque, como poñían de manifesto ano tras ano os balances enerxéticos de Galicia, as térmicas de Meirama e As Pontes eran moi ineficientes na conversión de carbón (enerxía primaria) en electricidade (enerxía final), aproveitando só un terzo da enerxía contida no carbón. A súa substitución mellorou a eficiencia do conxunto do sistema enerxético galego uns 10 puntos entre 2018 e os anos previos e 2024. Isto contribuíu a un descenso do 17,9% no uso total de recursos enerxéticos (enerxía primaria) en 2024 comparado con 2018. Galicia usa hoxe menos recursos enerxéticos e de forma máis eficiente.

Dado que desde 2008 queimouse en exclusiva carbón de importación, o seu abandono reduciu de forma significativa a dependencia enerxética externa e, ao mesmo tempo, a externalización de danos socioambientais aos países de orixe do carbón, entre os que salientou Indonesia. Considerando o uso total de recursos enerxéticos (enerxía primaria), a dependencia externa baixou do 80 ao 75,6% entre 2018 e 2024.

O abandono do carbón en Galicia podería ter acontecido uns dez ou quince anos antes pero non tería sido posíbel sen a primeira vaga de desenvolvemento eólico. A electricidade achegada pola nova potencia renovábel instalada desde finais da década de 1990 posibilitou o peche das centrais térmicas de carbón. Agora necesitamos máis aforro, máis almacenamento e produción eléctrica renovábel e máis electrificación para substituírmos tamén o gas fósil e o petróleo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios