A Deputación mellorará a seguridade peonil na estrada DP 1902, entre Bértoa e Oza, en Carballo

O pleno aproba dous tramos de senda peonil cun investimento de máis de 440.000 euros.

O pleno da Deputación da Coruña deu luz verde por unanimidade á aprobación do proxecto de construción dunha nova senda peonil na estrada provincial DP-1902, que conecta Carballo con Razo. Esta actuación supón un investimento total de 440.724,62 euros destinada a mellorar a seguridade viaria e potenciar a mobilidade sostible na zona.

O proxecto ten como obxectivo principal conectar as poboacións situadas entre as parroquias de Santa María de Bértoa e San Breixo de Oza. Actualmente, esta estrada provincial carece de itinerario peonil, polo que a nova infraestrutura ofrecerá un espazo seguro e de uso peonil e ciclista para a veciñanza, promovendo un contorno máis humanizado e accesible.

Segundo explicou a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, a intervención contempla a creación de dous tramos diferenciados ao longo da DP-1902. O primeiro deles discorrerá dende o punto quilométrico 3+000 ata o núcleo das Encrucilladas. O segundo tramo iniciará o seu percorrido no punto quilométrico 5+000 e estenderase ata o portal número 136, alcanzando a última vivenda do lugar.

A nova senda disporá dun ancho mínimo de dous metros e executarase en formigón coloreado con fibra, contando ademais con bordo prefabricado de separación coa calzada ou coas cunetas. As obras incluirán os movementos de terras necesarios, a demolición de pavimentos e peches existentes cos seus correspondentes retranqueos, a instalación de sinalización horizontal e vertical, e a reposición dos servizos afectados.

Así mesmo, levarase a cabo unha importante mellora da rede de drenaxe mediante o formigonado e entubado de cunetas e a instalación de novos sumidoiros e canalizacións de augas pluviais.

Coa aprobación definitiva no pleno provincial, o proxecto conta cun prazo de execución estimado de cinco meses, que se computarán a partir do día seguinte á sinatura do acta de comprobación de replanteo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios