A moción, aprobada cos votos de PSOE, BNG e AV fronte a non do PP, pide “un sistema público e transparente de reparto” e un fondo de solidariedade para os municipios con maiores necesidades.
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada polos grupos provinciais de PSdeG-PSOE e BNG para reclamar á Xunta de Galicia un sistema público, regulado e transparente de distribución dos recursos procedentes do canon da auga e do canon de xestión das depuradoras.
A iniciativa saíu adiante cos 17 votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños (AV), mentres que os 14 deputados e deputadas do Partido Popular votaron en contra.
A resolución insta á Administración autonómica a establecer un modelo de reparto baseado en criterios técnicos e obxectivos. En concreto, propón que como mínimo o 50% da recadación obtida en cada concello reverta en investimentos no propio municipio, que un 30% se destine a un mecanismo de solidariedade territorial para atender os concellos con maiores necesidades ou dispersión poboacional e que se reserve como máximo un 20% para os custos de xestión e mantemento do sistema autonómico.
A moción reclama tamén que a Xunta publique anualmente un informe detallado por concellos coa recadación obtida e os investimentos executados e que estableza unha planificación plurianual que permita ás administracións locais coñecer con antelación as actuacións previstas.
O canon da auga ten carácter finalista e está destinado ao financiamento de actuacións vinculadas ao abastecemento, saneamento, depuración e protección dos recursos hídricos.
O debate plenario
Durante o debate, o portavoz socialista, Bernardo Fernández, denunciou o que cualificou como “escapismo tributario” e “escurantismo inversor” de Augas de Galicia e criticou que os concellos participen na recadación dun tributo finalista mentres, ao seu xuízo, non existen criterios suficientemente públicos para coñecer o retorno dos fondos.
“Que diriamos se o Estado investise o 100% dos impostos dos galegos e galegas en Aragón? Manifestariámonos porque non sería xusto”, afirmou Fernández.
O portavoz socialista puxo como exemplo varios concellos que, segundo os datos expostos no pleno, acumularon importantes cantidades recadadas sen investimentos equivalentes: Oleiros, con máis de 9 millóns de euros en doce anos; Boiro, con 3 millóns en oito anos; e As Pontes, con 2,3 millóns, non recibiron investimentos nos últimos anos por parte de Augas de Galicia.
O portavoz socialista contrapuxo este sistema co modelo do Plan Único (POS+) da Deputación, baseado nun reparto obxectivo e transparente, e acusou tamén á Xunta de aplicar de forma discrecional determinados controis e actuacións en materia de verteduras.
Pola súa banda, a portavoz do BNG, Avia Veira, lembrou que “cada vez que un veciño paga a auga, paga o canon da auga e o da xestión das depuradoras” e incidiu en que son os concellos os que manteñen a relación directa coa cidadanía na recadación destes tributos.
Veira centrou a defensa da moción en tres piares: transparencia, coa publicación dos datos de recadación e investimento por concello; planificación, mediante un programa plurianual que permita ás entidades locais preparar as súas actuacións con varios anos de antelación; e xustiza territorial, cun retorno mínimo e un fondo de solidariedade que teña especialmente en conta os municipios pequenos e dispersos.
O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, reclamou que os recursos obtidos da xestión da auga se reinvistan na mellora das infraestruturas. García Seoane referiuse á situación de Oleiros, Sada, Cambre e Bergondo e asegurou que, malia as reunións mantidas coa Xunta e con Emalcsa para abordar as necesidades de abastecemento, continúan pendentes actuacións necesarias.
“Millóns de euros que demos en Oleiros sen recibir nada; renovamos a rede con fondos propios ou do POS mentres a Xunta ignora as súas responsabilidades”, afirmou.
Desde o grupo provincial do Partido Popular, José Manuel Caamaño rexeitou os argumentos da moción, que cualificou de “narrativa artificiosa”, e acusou os grupos propoñentes de “non entender ou querer terxiversar a realidade”.
O PP defendeu o carácter solidario do sistema fronte a un modelo de retorno directo da recadación ao municipio onde se produce. Caamaño afirmou durante o debate que a Xunta investiu 144 millóns de euros fronte a 60 millóns recadados e sostivo que a distribución dos recursos responde a criterios técnicos.
Dúas declaracións institucionais aprobadas por unanimidade
O pleno provincial aprobou tamén por unanimidade dúas declaracións institucionais asinadas polos catro grupos da corporación: PSOE, PP, BNG e Alternativa dos Veciños.
A primeira expresa o apoio da Deputación ás familias beneficiarias da prestación por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave (CUME) e insta o Goberno de España a abordar as modificacións lexislativas necesarias para permitir, en determinados supostos de discapacidade igual ou superior ao 65% ou gran dependencia, a prórroga excepcional da prestación e do permiso laboral máis aló dos 26 anos.
A segunda declaración manifesta a solidariedade e preocupación da corporación provincial ante a crise humanitaria, migratoria e de convivencia que atravesa Ceuta e reclama coordinación entre as administracións públicas, recursos suficientes para afrontar a situación e garantías para a protección dos dereitos humanos e da cohesión social. A aprobación desta declaración institucional, suscrita por todos os grupos, cumpre o compromiso adquirido no último pleno polo presidente, Valentín González Formoso, de sacar adiante unha iniciativa que exprese a solidaridade da provincia da Coruña con Ceuta.