CCOO traballará polo éxito da folga xeral en Galicia para defender salarios dignos, vivenda accesible e os dereitos da clase traballadora

Ante a convocatoria de folga xeral estatal por parte de CCOO e UGT para este outono, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia comprométese a garantir o éxito da protesta e desenvolverá nos próximos días unha campaña de información e mobilización no conxunto do territorio galego. A secretaria xeral, Amelia Pérez, denuncia a «situación insostible» que afronta a clase traballadora pola combinación de incrementos dos prezos, a carestía da vivenda e o bloqueo da negociación colectiva en moitos sectores.

A convocatoria dá continuidade ao labor que o sindicato vén desenvolvendo en distintos sectores e empresas para esixir mellores salarios, facilitar o acceso á vivenda e impulsar actuacións eficaces para conter a suba dos prezos, así como para defender o conxunto dos dereitos sociais e laborais da clase traballadora.

A cuestión habitacional será unha das cuestións centrais da mobilización. O acceso a unha vivenda digna converteuse nun dos principais problemas sociais e económicos para a clase traballadora, tamén en Galicia, con especial impacto na mocidade e nas persoas migrantes, que atopan maiores dificultades para acceder a unha vivenda en condicións asumibles. Neste aspecto, a falta de respostas por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias na materia, tamén é reprobable.

O incremento dos prezos, tanto para o aluguer como para a compra, fai cada vez máis difícil o acceso a unha vivenda en condicións asumibles e está a dificultar a emancipación da mocidade e a integración social e laboral das persoas migrantes.

Isto súmase á evolución dos prezos, impulsada, entre outros factores, polo aumento do custo da enerxía e dos carburantes, que provoca maiores dificultades para que as familias cheguen a fin de mes. Fronte a isto, cómpre unha dobre actuación: medidas desde os poderes públicos para reducir o esforzo económico que soportan os fogares, pero tamén unha mellor distribución, a través da negociación colectiva, da riqueza xerada nas empresas.

Para o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, non é suficiente con constatar os problemas: cómpre adoptar medidas que permitan mellorar as condicións de vida da maioría social e reforzar os dereitos da clase traballadora fronte a unha «axenda ultra» que ameaza con levar por diante os avances dos últimos anos.

«Absentismo»

Entre estas reivindicacións tamén terá un papel destacado a defensa do dereito á saúde e dos dereitos das persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal, especialmente polo discurso e as propostas que pretenden presentar as baixas médicas como un problema de «absentismo» e poñer baixo sospeita as persoas que enferman.

Neste sentido, CCOO advirte da preocupación que xeran as recentes propostas formuladas polo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, sobre a xestión das baixas médicas, na liña de estigmatización emprendida pola Xunta de Galicia. O líder do PP defendeu recentemente ampliar as competencias das mutuas para que poidan conceder altas médicas en determinadas patoloxías e tamén falou de premiar as empresas que rexistren menos baixas laborais.

Para CCOO, a saúde das persoas traballadoras non pode converterse nunha variable de xestión empresarial nin pode medirse o compromiso dunha empresa coa saúde polo número de baixas que rexistra. Unha menor duración ou incidencia das incapacidades temporais non implica necesariamente mellores condicións de traballo e pode mesmo responder á existencia de presións para regresar ao posto antes de estar plenamente recuperado.

O sindicato considera especialmente preocupante que se pretenda avanzar cara a un modelo no que entidades vinculadas á xestión das continxencias profesionais adquiran maior capacidade de decisión sobre as altas por continxencias comúns. As decisións sobre a saúde das persoas traballadoras deben responder exclusivamente a criterios médicos e sanitarios, non ás necesidades de produtividade ou ás presións empresariais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios