O Ineltrón Santo Domingo recibe ao Universidad de Oviedo

Estrea ligueira dos betanceiros na casa.

Xa se pode dicir que a Tercera FEB está en marcha. Logo da vitoria a domicilio fronte ao Ucoga Seguros Chantada por 77-91, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos xoga este domingo no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” o seu primeiro partido da temporada. O seu rival, o Universidad de Oviedo, que comezou a liga impoñéndose por 101-93 ao Territorio Minero baloncesto Villa de Mieres, é un conxunto formado esencialmente por xente nova (cunha media de idade que apenas soborda os 20 anos) reforzado este ano co noruegués Mathias Ugona Flesche, Pelayo Barrio (que no seu debut anotou 16 puntos e capturou 8 rebotes) Adrián Pérez Requena, Álvaro Pérez Múñoz e Leo Vidal, xogadores que se unen a pezas importantes coma o “veterano” Diego Cuetos (2004, 18 p.p) ou Nicolás López Álvarez-Tirador (16 pp.).

Así valora a cita José Amando Pena “Soviético”, adestrador dos betanceiros: “O equipo de Oviedo ten un xogo moi rápido que se basea nunha defensa presionante en defensa que lles permite moitos roubos de balón. Acostuman ter moitas posesións de ataque. Se somos quen de romper esa presión defensiva e intentar que se precipiten no seu xogo de ataque teremos oportunidades de vitoria. Os nosos xogadores están adestrando moi ben e afrontan a cita con ganas de gañar este primeiro partido como local”.

O encontro celebrarase o domingo ás 17h no José María Valeiro Iglesias “Tocayo” e poderase seguir igualmente por BalONcesto TV, a nova plataforma FEB.

Debuts nunha xornada con varios descansos

Polo que toca ao resto do club, nunha fin de semana na que descansan varios equipos, as únicas citas na pista son as do Infantil Masculino de Diego Folla e Emma López, que xogan o sábado ás 10h na casa fronte a Montrove e as que supoñen o debut nesta temporada do segundo e terceiro equipo sénior masculino do club. O conxunto de Segunda Autonómica, dirixido por Will Pereiro e Manuel Espiñeira, recibe o domingo ás 19h ao Baloncesto Narón, mentres que La Goleta, o conxunto de Terceira FGB visita a pista de Calasanz ese mesmo día ás 17h.

Comparte éste artículo
No hay comentarios