Colectivos de memoria solicitan reunións co Subdelegado do Goberno e co Delegado da Xunta para a recuperación do Cárcere de Ourense

As asociacións Amigos da República de Ourense, o Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova veñen de solicitar por carta sendas entrevistas co Subdelegado do Goberno en Ourense e co Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense. O obxectivo é trasladarlles en persoa a proposta para a recuperación do vello Cárcere de Ourense.

Manuel García Rodríguez, guerrilleiro, executado a garrote vil en 1959 (o último executado en Galiza)

A iniciativa reclama que se incoen de oficio os procedementos para declarar o edificio como Lugar de Memoria e como Ben de Interese Cultural (BIC), trasladando esta demanda aos organismos competentes do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia. A esta chamada convidan a sumarse a todo o activismo pola memoria histórica da provincia.

Unha omisión estratéxica que cómpre corrixir

Agora que se iniciou a fase de consulta pública do expediente de declaración do Campo de Aragón en Ourense como lugar de memoria, cobra pleno sentido a reivindicación do Cárcere de Ourense. Esta infraestrutura foi un elemento central da represión na cidade e na provincia antes e durante a institucionalización da Prisión Central de Celanova.

Chama poderosamente a atención que en todo o expediente sobre o Campo de Aragón non se faga referencia algunha ao Cárcere de Ourense —por onde pasou a maioría dos presos fusilados na explanada do cuartel de San Francisco—, nin tampouco á Prisión Central de Celanova, a pesar de que si se citan outros espazos como Camposancos ou O Cumial.

Suso Vaamonde, saída do cárcere en 1984

Os colectivos sinalan que isto supón un erro estratéxico por parte dos promotores da declaración, aínda a tempo de ser corrixido. Subliñan que pór en valor o Cárcere de Ourense constitúe unha tarefa urxente e irrenunciábel, especialmente ante a acelerada degradación que sofre o edificio, o cal deixa moi pouco marxe de tempo antes dunha ruína irreparable.

Por todo isto, consideran este o momento idóneo para trasladarlles directamente a proposta ás autoridades —iniciativa que xa atopou eco inmediato no PSdeG da cidade de Ourense— co fin de activar as declaracións institucionais e acometer canto antes a súa rehabilitación integral.

Colectivos asinantes:

  • Amigos da República de Ourense
  • Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia
  • Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Comparte éste artículo
No hay comentarios